MEDIO RURAL MODIFICA A ORDE QUE REGULA AS BOLSAS DE FORMACIÓN DE PROFESIONAIS AGRARIOS PARA MELLORAR A SÚA EFICACIA
- O DOG publica hoxe os cambios introducidos nesta norma para adaptar os prazos das prácticas ás necesidades dos 75 bolseiros, buscando unha maior eficacia á hora de desenvolver estas accións formativas
- Con estas bolsas incentívase que os estudantes acaden unha formación práctica que lles permita afrontar con maiores garantías o seu futuro laboral
Santiago, 8 de setembro de 2011.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a modificación da Orde para a formación de tecnólogos e persoal de apoio á investigación a través de bolsas de prácticas para os recentemente titulados en especialidades agrarias, forestais, veterinaria, tecnoloxía dos alimentos e bioloxía e prácticas para alumnos e recentemente titulados de formación profesional da familia agraria. Esta modificación vén motivada por unha adaptación ás necesidades dos bolseiros, mediante o axuste dos prazos para o desenvolvemento das prácticas. Deste xeito, para os titulados e alumnos de segundo curso en ensinanzas de formación profesional, estas bolsas terán unha duración de tres meses, desenvolvéndose finalmente entre os meses de xullo e outubro. No caso dos alumnos de primeiro curso do ciclo formativo, as prácticas terán unha duración de dous meses, no período comprendido entre os meses de xullo e setembro. As contías económicas destinadas polo departamento que dirixe Samuel Juárez para esta actuación formativa mantéñense sen ningunha modificación, segundo o estipulado na Orde, cun importe económico que oscila entre os 600 e os 800 euros por mes de práctica, variando en función da finalidade de cada formación.
Complemento dos estudos
A Consellería do Medio Rural tramitou 75 bolsas de prácticas, coa finalidade de que os recentemente titulados universitarios en especialidades agroforestais ou veterinarias, así como os titulados de formación profesional e alumnos de ciclos formativos de grao medio ou superior da familia agraria complementen os seus estudos teóricos cunha formación práctica que lles permita afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional. Estas bolsas de formación e prácticas foron distribuídas da seguinte maneira: 10 bolsas para a formación de tecnólogos; 15 para a formación de persoal de apoio á investigación; 15 para estudantes do 1º e 2º curso ou recentemente titulados en ciclos da familia agraria e as 35 restantes para os recen titulados en enxeñerías relacionadas con este sector.