O 10 DE SETEMBRO CELEBRARASE EN DETRÁS DO MARCO A INICIATIVA SOLIDARIA “A NOSA COLLEITA PARA SOMALIA”
• Haberá unha poxa de obras de arte, doadas polos seus autores, e o diñeiro recadado será entregado a Médicos sen Fronteiras.
Vigo, 8 de setembro de 2011. O sábado 10 de setembro celebrarase no café “Detrás do Marco” a iniciativa solidaria “A nosa colleita para Somalia”, na que colaboran artistas e persoas de forma individual, e que ten por obxecto recadar diñeiro para Médicos sen Fronteiras. A idea xurdiu a través do facebook e un grupo de persoas solidarias que se puxeron de acordo para crear “A nosa colleita para Somalia”. Pouco a pouco a iniciativa foi medrando grazas a incorporación de xente que se sumou á proposta. A idea era utilizar o arte, nas súas diferentes ramas, para recadar fondos a favor de Médicos sen Fronteiras. Tras poñerse en contacto coa ONG e obter a súa autorización, comezaron os contactos e os primeiros sorprendidos foron os propios organizadores ante a masiva resposta. Así, máis de 60 artistas (pintores, escultores, artesáns, ourives, deseñadores, poetas e fotógrafo,…) doaron obras para proceder a súa poxa. As obras estarán expostas durante todo o día no local Detrás do Marco e todos os visitantes poderán adquirir as obras aos prezos marcados polos doantes, entre os que hai consagrados e coñecidos artistas, polo que sen dúbida tamén poderán gozar coa exposición, pola súa calidade. Pola tarde haberá unha serie de concertos acústicos que dinamizarán o evento. Así tamén colaboran nesta iniciativa B.B. David (Jazz), Silvia Womami (cantautora), Doce Vita (música de cine arranxada para jazz) e Walter César (cantautor uruguaio) que porán a música na rúa e lograrán crear un ambiente aínda máis especial nesta iniciativa solidaria. O acto rematará coa poxa das obras que non foron vendidas durante o día.
Será a partir das oito da tarde con prezos de saída que quedan como seguen: Para obras de prezo marcado ata 300 euros o prezo de saída será de 100 euros, e para obras de prezos superiores a 300 euros, a saída está marcada a 150 euros. Se algunha obra non se vende será devolta ao seu dono. Ao remate da poxa, entregarase todo o diñeiro recadado a Médicos sen Fronteiras.