O naval vigués volve á rúa para demandar un compromiso real dos Gobernos español e galego coa crise que padece o sector
Os traballadores/as secundaron a xornada de folga parcial e marcharon en manifestación até a delegación da Xunta de Galiza na cidade
VIGO/15-09-11
Os traballadores/as do naval vigués retomaron hoxe as mobilizacións en defensa dunha industria estratéxica para a economía galega e fundamental para a comarca cun paro parcial de catro horas por quenda e unha manifestación que percorreu as principais rúas da cidade. Ao remate da marcha, que chegou até a delegación da Xunta de Galiza, os representantes sindicais reclamaron un compromiso real das administracións española e galega como único xeito de garantir o futuro dun sector que perdeu xa máis de 10.000 empregos.
Os operarios/as comezaron a concentrarse diante dos seus centros de traballo no Berbés e en Teis arredor das 10.00 horas, momento no que se iniciaba o paro parcial convocado. Ás 11.30 botaban a andar en dous grandes grupos cara a sede da Xunta, onde chegaron ás 13.00 horas despois de xuntarse no cruce de Colón. “Pola defensa do sector naval. Polo futuro industrial de Vigo” e “Polo futuro da cidade. Salvemos o naval” foron os dous lemas escollidos para abrir as marchas, aínda que tamén se puideron ver faixas relativas aos conflitos laborais que se viven en empresas concretas.
Unha vez rematado o percorrido tomaron a palabra representantes dos tres sindicatos convocantes, CIG, CCOO e UGT, que reiteraron a necesidade de que a Xunta de Galiza lidere a defensa do sector e lle reclame ao Goberno español que busque alternativas ao sistema de bonificación fiscal tax lease. Neste senso, o responsábel do Naval da CIG, César Rodríguez, incidiu na necesidade dun fondo de garantías que posibilite a contratación de novos proxectos. “Tanto nos ten que sexa Pymar ou un fondo propio galego, tal e como se comprometera a Xunta”, explicou.
Na súa opinión, a crise que atravesa o sector ten solución e esta pasa por un compromiso político claro: “teñen que buscar alternativas ao tax lease e crear o fondo de garantías”. Rodríguez lembrou que existe un precedente a esta situación que foi a reconversión naval dos 80. “Daquela o que salvou os estaleiros foi a mobilización social”, aseverou. Tamén quixo responder ás críticas recibidas dende a patronal: “igual que fan roldas de prensa para dicir que somos uns irresponsábeis, que as fagan para reclamarlle a quen ten que facelo que se poña á fronte en defensa do sector”, comentou.