CLAUSURADO O ‘I ENCONTRO CIENTÍFICO BILATERAL ESPAÑA-BRASIL’ NO QUE UNHA DECENA DE PROFESIONAIS REFLEXIONARON SOBRE AS EXPERIENCIAS SOCIAIS EN CONTORNOS DIXITAIS

Esta mañá remataron en San Simón as xornadas que contaron coa participación de expertos españois e brasileiros. O foro, organizado pola Consellería de Cultura e Turismo, a través de AGADIC e a Fundación Illa de San Simón, supuxo a posta en marcha do Proxecto SICEB (Sociedade da Información e do Coñecemento en España e Brasil).
Os expertos do Proxecto SICEB  apelan á necesidade de aplicar un enfoque global á alfabetización dixital que implique a todos os axentes da cidadanía.
San Simón-Redondela (Pontevedra), 17 de setembro de 2011.- O I Encontro Científico Bilateral España-Brasil vén de rematar esta mañá en San Simón, a Illa do Pensamento, tras tres xornadas nas que participaron unha decena de recoñecidos especialistas de ambos países. O foro, organizado pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Fundación Illa de San Simón, estableceu un debate ao máis alto nivel sobre a fenda dixital e a inclusión social en Iberoamérica, con especial incidencia en experiencias galegas e brasileiras.
As sesións de traballo, impulsadas así mesmo polo Instituto Agustín Millares da Universidade Carlos III de Madrid e o Instituto Brasileiro de Informação em Ciência e Tecnologia (IBICT), supuxeron a posta en marcha do Proxecto SICEB (Sociedade da Información e do Coñecemento en España e Brasil) que, centrado no estudio das políticas desenvolvidas neste ámbito, parte das iniciativas brasileiras cos grupos máis desfavorecidos, que converteron este país nun paradigma a nivel mundial. De feito, as accións levadas a cabo nesta materia permitiron que máis de trinta millóns de brasileiros pasaran dun estado de pobreza severa a lograr un grao de benestar social e educativo similar ao da clase media europea.
Como principais conclusións deste primeiro encontro, os expertos puxeron de manifesto a importancia do traballo grupal e multidisciplinar para a xestión do coñecemento e o papel fundamental de axentes como os profesionais da información ou a educación que deben estreitar a súa colaboración na reducción da fenda dixital. Para acadar ese obxectivo, entenden tamén que a estratexia debe ir encamiñada a pasar desde un enfoque local baseado en illas de inclusión dixital a un enfoque global baseado na cooperación, onde a alfabetización dixital implique a todos os axentes da cidadanía. En definitiva, deseñar un sistema social máis xusto no que o cidadán se converta no eixo da toma de decisións políticas.
Neste sentido, destacan a importancia da biblioteca pública como eixo fundamental sobre o que debe xirar a reducción da fenda dixital, favorecendo a formación en todo o vinculado á web 2.0 e facilitar o coñecemento compartido e o desenvolvemento dunha intelixencia colectiva.
Retransmisión en internet
O encontro retransmitiuse en streaming a través da canle San Simón TV, á que se pode acceder desde a web da Fundación Illa de San Simón (www.illadesansimon.org), e foi seguido desde diferentes países, fundamentalmente España e Brasil, ademais de Arxentina, Uruguai, México, Ecuador ou Nicaragua, en Latinoamérica, ademais de Arabia Saudí, Marrrocos, Grecia, Hungría ou Francia.

Participantes
A coordinadora deste foro foi Mercedes Caridad, directora do Instituto Agustín Millares de Documentación e Xestión da Información, pertencente á Universidade Carlos III, da que é catedrática. Caridad é, ademais, autora de numerosos libros e artigos sobre a sociedade do coñecemento e a xestión da información.
Tamén participaron nas sesións de traballo Emir Suaiden, director do Instituto Brasileiro de Informação em Ciência e Tecnoloxia (IBICT) do Ministerio de Ciência e Tecnoloxia de Brasil; Cecilia Oliveira Leite, investigadora da Embrapa Informação Tecnolóxica (Empresa Brasileira de Pesquisa Agro Pecuária) e coordinadora xeral de Estudos e Pesquisas do IBICT; Ana María Morales García, vicedecana do Campus de Colmenarejo da Universidade Carlos III; Juan Antonio Martínez Comeche, director do departamento de Biblioteconomía e Documentación da Universidade Complutense; María Dolores Ayuso, especialista en estudos de xénero e fenda dixital e investigadora principal do grupo de investigación Fontes do Coñecemento (FUSIDIT); Carlos Miguel Tejada, coordinador do grupo de traballo Perfís Profesionais do Consello de Cooperación Bibliotecaria do Ministerio de Cultura; Fátima García López, secretaria académica do Instituto Universitario Agustín Millares; Sara Martínez Cardama, doutoranda en Documentación e Premio Extraordinario Fin de Carreira da Universidade da Coruña e da Comunidade Autónoma de Galicia, e Valentín Alejandro Martínez, doutor en Ciencias da Información e profesor titular da Área de Comercialización e Investigación de Mercados da Universidade da Coruña, quen actuou como moderador.
Próximo encontro
Tras este encontro, a Illa do Pensamento acollerá a partir do luns 19 e ata o xoves 22 de setembro o encontro titulado ‘Galicia e as industrias culturais e creativas diante da Axenda 2010’, organizado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e a Fundación Illa de San Simón, e polo Consello da Cultura Galega.

Este foro constituirá o punto de partida do denominado Proxecto INDCREA, que ten como obxectivo abrir novos espazos de reflexión e investigación sobre os escenarios de futuro das industrias culturais e creativas de Galicia ante a Axenda 2020, como dobre reto ante esta complexa segunda década do século XXI e tamén ante a estratexia e o programa da converxencia dixital da Unión Europea. Deste xeito, tratarase de deseñar políticas culturais orientadas á xeración de riqueza, valor engadido e emprego. No encontro participarán preto de medio centenar de investigadores, especialistas, expertos e empresarios dos distintos campos e áreas das industrias culturais e creativas de Galicia, do resto de Europa e de América.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: