INAUGURACIÓN PEINADOR LOUREDO
A DEPUTACIÓN INAUGURA AS OBRAS DA ESTRADA PEINADOR-LOUREDO QUE CUN INVESTIMENTO DE 1,2 MILLÓNS GARANTEN A SEGURIDADE NUNHA VÍA CON ALTA DENSIDADE DE TRÁFICO DE VEHÍCULOS PESADOS
O presidente da Deputación, Rafael Louzán e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, inaugurou hoxe as obras de mellora da seguridade vial na estrada provincial Peinador Louredo. No acto estivo presente o Conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas, Agustín Hernández.
O proxecto no que se investiron 1,2 millóns de euros dos cales a Deputación aportou 905.611 euros e o Concello de Mos 301.870 euros, contemplou a execución de, movementos de terras, afirmados, drenaxes, muros, instalación de fecais, abastecemento de auga, alumeados, aceras, bordillos, e a sinalización, balizamento e defensas.
Deste xeito, a nova estrada ten dous carrís de 3 metros cada un, dous arcéns ou aparcamentos de 0,50 ou 2 metros nalgúns lugares, e dúas beirarrúas de 1,50 metros cada unha.
Rafael Louzán puxo de relevo que “a mellora de seguridade vial na devandita zona foi un asunto moi demandado polos veciños ó tratarse dunha zona con alta densidade de tráfico e, particularmente, de paso de vehículos pesados”. Recordou que esta zona ten unha densidade importante de vivendas polo que «era preciso dar cobertura de seguridade ós veciños que transitan por esta vía». Por todo isto considerou que «Esta actuación era unha desas asignaturas pendentes á que hoxe damos o cumprimento debido».