O BNG pide no Parlamento español unha solución definitiva ao ferry A Guarda Caminha
Fernández Davila reclama un estudo pormenorizado para adoptar unha solución de futuro que fose respectuosa co medio ambiente e coa fauna piscícola existente nesas augas.
A Guarda, 21 setembro 11. A deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa no Parlamento español na que se solicita unha solución definitiva a actual situación do ferry entre A Guarda e Caminha.
A deputada nacionalista lémbralle ao Goberno español que son reiteradas as ocasións nas que o BNG ven de poñer de manifesto a preocupante situación existente na desembocadura do río Miño. Sendo unha zona que precisa de unha urxente actuación de limpeza e rexeneración da desembocadura.
Fernández Davila, pon de manifesto que cando se creou o ferry optouse por
abrir unha canle de navegación artificial, cando existía unha canle natural. Neste sentido, reclama a deputada do BNG, á marxe de medidas inmediatas, é necesario que se leve a cabo un estudo pormenorizado para adoptar unha solución de futuro que fose respectuosa co medio ambiente e coa fauna piscícola existente nesas augas.
A deputada nacionalista lembra que no ano 2008, a Dirección General de
Costas asumiu o dragado do río, traballos que até o momento competía ao Goberno portugués e que realizou durante 10 anos, mentres o Goberno español só realizou un dragado no ano 2.008 e un parcial no ano 2.009.
A situación chegou a tal extremo que a Câmara municipal de Caminha anunciou a supresión do servizo no caso de non resolverse o problema do dragado da canle de navegación. Este anuncio motivou malestar e
preocupación entre a poboación, sobre todo entre o sector do comercio e
hostalaría, dado que as consecuencias serían nefastas. O BNG lembra que este servizo é utilizado por unhas 200.000 persoas e uns 30.000 vehículos ao ano.
Dende o BNG apelan ao Ministerio de Medio Ambiente a implicarse neste problema e a comprometerse na busca dunha solución mediante o diálogo, esperando do Goberno central unha actitude de colaboración e de
participación que permita manter este servizo no futuro.