SANIDADE INICIA O VINDEIRO LUNS UNHA NOVA CAMPAÑA DE VACINACIÓN ANTIGRIPAL E ANTIPNEUMOCÓCICA EN VIGO E A SÚA ÁREA DE INFLUENCIA
Desenvolverase ata o 19 de novembro, e a poboación terá á súa disposición máis de 125 puntos de vacinación en Vigo e a súa área
- Ao longo de sete semanas poderán vacinarse na comarca todas as persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco
- Ás persoas de 75 ou máis anos administraráselles unha vacina adxuvada, cun maior poder inmunóxeno e, polo tanto, unha eficacia máis alta
- Por primeira vez xeralízase o rexistro da vacinación en IANUS, eliminando o rexistro en papel na maioría dos casos
Vigo, 30 de setembro de 2011.- A Consellería de Sanidade iniciará o vindeiro luns 3 de outubro en Vigo e a súa área de influencia a campaña de vacinación antigripal e antipneumocócica, que estará vixente ata o 19 de novembro de 2011. A Consellería adquiriu este ano en Galicia un total de 610.000 doses (580.000 doses de vacinas antigripais e 30.000 doses de vacina antipneumocócica), por un importe total de 3,7 millóns de euros. Neste novo período, consolídanse as melloras incorporadas na anterior campaña: vacinación de todas as persoas de 60 ou máis anos -xunto coas persoas menores desa idade pertencentes a grupos de risco- e vacinación antigripal da poboación de 75 ou máis anos e das persoas ingresadas en residencias cunha vacina adxuvada, que ten maior poder inmunóxeno. Ademais, nesta nova campaña introdúcense melloras loxísticas para os profesionais sanitarios implicados na mesma. Así, estenderase o rexistro de doses administradas a todo o sistema sanitario público na área de Vigo por vía informática a través de IANUS –no que se creará un módulo específico para a campaña-, así como a xestión de pedidos das vacinas e material da campaña a través da páxina web do Sergas para todos os puntos de vacinación provinciais, tanto públicos como privados.
Obxectivo da nova campaña
A Consellería de Sanidade ten como obxectivo principal da nova campaña anual de vacinación a diminución do número das complicacións derivadas da gripe e a súa gravidade e a morbi-mortalidade das enfermidades causadas polo Streptococo pneumoniae na poboación da área de Vigo.
A vacina da gripe ten un importante beneficio, xa que reduce a incidencia desta enfermidade e ao mesmo tempo, diminúe a frecuencia de complicacións secundarias e o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe nas persoas maiores, con ou sen condicións médicas de risco, e noutras con patoloxías previas.
Sete semanas para vacinarse
A campaña terá unha duración de sete semanas, polo que os colectivos de risco de Vigo e a súa área de influencia terán ata o 19 de novembro para poder vacinarse. Dende a Consellería solicítase á poboación de toda a área que non acuda masivamente nos primeiros días, xa que hai tempo suficiente para atender a todas as persoas que o soliciten. Ao longo da campaña poderán vacinarse todas as persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco. Inclúense nestes as persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares, respiratorias, neuromusculares; as persoas con enfermidades metabólicas, renais, hepáticas ou hematolóxicas crónicas; as persoas con inmunodeficiencias; as persoas con obesidade mórbida; e as mulleres embarazadas nas que o seu embarazo coincida coa temporada de gripe.
Inclúense tamén os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco na provincia, como os traballadores de centros sanitarios e sociais; e tamén as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros; as que pola súa ocupación poden estar en explotacións ou matadoiros de aves ou porcos; e os viaxeiros internacionais.
A Consellería de Sanidade fai este ano un chamamento especial para promover a vacinación dos traballadores dos centros sanitarios, pola importancia da inmunización neste colectivo para reducir as posibilidades de transmisión da enfermidade ás persoas que coidan ou atenden, ademais de valorar o beneficio individual que achega esta vacina.
125 puntos de vacinación
A área de Vigo conta nesta campaña con arredor de 125 puntos de vacinación: todos os centros de saúde e consultorios; os centros hospitalarios públicos; os hospitais e consultas médicas privadas; as residencias e centros para a terceira idade; as unidades asistenciais de drogodependencias; os centros penitenciarios; e os centros de atención a discapacitados. Os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación onde lle informarán de cómo e onde solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde onde serán informados das vacinas que deben recibir.
Dende a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública distribuiránse 3.400 carteis de información á poboación, 2.600 instrucións ao sistema sanitario e 1.000 talonarios de rexistro para aqueles centros que non dispoñan de IANUS.
Datos da campaña do ano 2010
Na campaña do pasado ano administráronse no Concello de Vigo un total de 46.642 doses antigripais, das que 32.105 doses foron destinadas a maiores de 60 anos, acadando unha cobertura do 45 por cento. En maiores de 65 anos, o número de doses administradas foi de 28.054 doses, cunha cobertura do 53 por cento.
Con respecto da vacina antipneumocócica, na campaña do pasado ano en Vigo rexistráronse 2.438 doses, das que 1.882 foron para a poboación de 65 anos ou máis e as 596 restantes para os menores de 65 anos.