O CONSELLO FORESTAL AVANZA NO BORRADOR DO ANTEPROXECTO DA LEI DE MONTES DE GALICIA

  • Medio Rural incorporou a este novo documento de traballo modificacións en máis do 75% do seu articulado, tralo estudo das achegas realizadas por medio cento de entidades e organizacións e a celebración de xuntanzas coas mesmas
  • O anteproxecto da que será a primeira Lei de Montes de Galicia ten por obxecto establecer un réxime xurídico estable que se adecúe ao monte galego que se procura para o século XXI e dea debida resposta ás demandas dos distintos axentes vinculados ao sector forestal e á sociedade galega no seu conxunto

Santiago, 9 de novembro de 2011.- O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, presidiu este mediodía a xuntanza do Consello Forestal de Galicia –órgano consultivo e asesor da Administración Forestal no que están representados, ademais da Xunta, produtores, industria, Fegamp e diferentes organizacións agrarias e conservacionistas–, que avanzou na análise e consenso do novo texto do borrador do anteproxecto da Lei de Montes de Galicia. Ao inicio da xuntanza, Juárez amosouse moi satisfeito do nivel de participación do sector e da sociedade en xeral e reiterou a vontade da Consellería de acadar o maior consenso posible na elaboración desta norma porque, tal e como dixo, “a nosa intención é que perdure no tempo, nun sector que precisa un marco xurídico estable”. Avogou ademais por manter a rendibilidade económica, social e ambiental do monte, como principios xerais, e –engadiu–  “por aí vai esta lei”. Apostou tamén por ser capaces, entre todos e en harmonía, “de facer un marco legal que dea resposta a tódolos aproveitamos do monte galego e, en xeral, do ámbito rural de Galicia”.

Esta reunión forma parte do proceso de consultas e información pública posto en marcha por Medio Rural dende o pasado mes de xuño para presentar este texto legal (que é un documento aberto) aos diferentes axentes do sector, e recabar as súas achegas cara ao traballo de análise e modificación do documento. Neste senso, ao longo dos meses de setembro e outubro, e co fin de clarexar estas aportacións, a Dirección Xeral de Montes mantivo máis dunha trintena de xuntanzas directas coas organizacións que compoñen o Consello Forestal, que presentaron alegacións para acadar o máximo consenso.

Como resultado deste proceso, hoxe levouse ao Consello Forestal, cun só punto na orde do día, o borrador do anteproxecto de Lei de Montes, coas actualizacións incorporadas. A modo de resumo, tal e como subliñou Samuel Juárez, o texto inicial contiña 170 artigos, dos cales máis do 75% foron obxecto de modificacións. Atendendo así ao estudo e análise das achegas –tanto as aportadas polos propios integrantes do Consello Forestal como as de entidades e colectivos de fóra de órgano consultivo– e ás conversas mantidas con eles.

Lei de alcance

O alcance desta lei é moi significativo, xa que afectará a dúas terceiras partes do territorio galego e regulará a xestión dos recursos forestais como a madeira, a biomasa forestal, os pastos, o mel ou os soutos de castaña, entre outros, pero tamén o lecer, a paisaxe, o solo ou a cultura forestal, servizos que se están a desenvolver a cotío nos montes da nosa Comunidade. Esta lei quere contribuír a poñer en valor o noso monte e facer da súa xestión unha fonte de recursos económicos para os produtores e silvicultores galegos e que manteña e conserve, ao tempo, os nosos bosques coma o ecosistema tan diverso e rico en especies e hábitats que é na actualidade.

Puntos destacados da futura lei

O borrador que hoxe avaliou o Consello Forestal define os distintos ámbitos competenciais e garante unha axeitada seguridade xurídica da actividade forestal, recoñecendo o papel dos produtores e silvicultores no marco da xestión forestal sostible. O texto ten, ademais, como eixo vertebrador, a posta en valor do monte mediante a ordenación dos usos e recursos, pero mantendo unha política de incentivos e axudas públicas e eliminando trabas administrativas. Nesta liña consolídase a figura xurídica das agrupacións de propietarios (as Sociedades de Fomento Forestal, Sofor) e a reorganización voluntaria da propiedade do monte.

No anteproxecto ponse de manifesto que a gran maioría dos montes galegos son de propiedade privada e por tanto é aos seus titulares a quen lles corresponde a súa xestión e aproveitamento. Dáselle, tamén, un tratamento singular á figura tipicamente galega dos montes veciñais en man común, pero advertindo que esta lei non desenvolve o seu réxime xurídico por considerarse que debe manter, como ata o de agora, unha singularidade normativa específica acorde co seu réxime xurídico, no marco definido polo Estatuto de Autonomía de Galicia. No contexto da posta en valor do monte, o borrador regula as porcentaxes de reinvestimentos para traballos forestais dos ingresos obtidos polo aproveitamento das diferentes producións. Así, establécense porcentaxes obrigadas de reinvestimento (de forma xeral o 40%).

Compatibilidade das actividades

No anteproxecto teñen especial consideración os cambios de actividade forestal a agrícola e viceversa, na procura da consolidación das explotacións, favorecendo unha ordenación dos usos do territorio e compatibilizando ditas actividades. Regúlanse os aproveitamentos e servizos que xeran os montes, con especial atención aos aproveitamentos de pastos en terreos forestais.

O texto da futura Lei de Montes de Galicia afonda tamén nos procedementos e medidas dirixidas á prevención e loita contra pragas e doenzas forestais, establecendo medidas para recuperación e restauración do solo e dos recursos hídricos.

Créase, ademais, o Sistema Rexistral Forestal de Galicia e un rexistro específico de masas consolidadas de frondosas autóctonas, favorecendo a xestión de formacións tan importantes e consolídanse foros de participación pública (caso do propio Consello Forestal, ao que se suma a regulamentación de mesas sectoriais de produtos do monte entre as que salienta a Mesa da Madeira). Entre os puntos destacados desta norma salienta tamén a creación dun novo contrato temporal de xestión pública, especialmente orientado aos montes veciñais que precisen do impulso inicial necesario para acadar unha adecuada xestión forestal sostible.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: