TRABALLO APOIA E FOMENTA A CONTRATACIÓN DE PERSOAS EN RISCO DE EXCLUSIÓN CO FIN DE FAVORECER A SÚA INCLUSIÓN SOCIAL

  • O director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, clausurou hoxe en Santiago unha xornada da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia sobre os itinerarios de integración socio-laboral nun contexto de crise económica
  • Na actualidade hai 12 empresas de inserción laboral activas en Galicia que teñen un total de 51 traballadores, dos que 30 están en fase de inclusión laboral

Santiago, 23 de novembro de 2011.- A Dirección Xeral de Promoción do Emprego, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, fomenta a contratación de persoas en risco de exclusión con diversas iniciativas, entre as que se atopa o Programa de Incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL), dotado cun orzamento de 200.000 euros.

O director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, clausurou hoxe en Santiago unha xornada da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga) sobre os itinerarios de inserción e integración socio-laboral das empresas de inserción nun contexto de crise económica.

 

Na súa intervención indicou que as entidades beneficiarias das axudas previstas neste programa son as empresas de inserción laboral, unha vez cualificadas e rexistradas como tales no rexistro habilitado para tal efecto na Dirección Xeral. Na actualidade hai 12 empresas de inserción laboral activas (tres en Ourense, tres en Santiago, unha en Cambre, unha en Ribeira, dous en Lugo, unha en Vigo e unha en Vilagarcía). Teñen un total de 51 traballadores, dos que 30 están en fase de inclusión laboral.

As empresas de inserción traballan con persoas desempregadas en situación ou risco de exclusión social, que concorran en factores como a discapacidade física, ser unha persoa en proceso de rehabilitación, contar con cargas familiares non compartidas, ser inmigrante ou emigrante retornado, non ter fogar, proceder de institucións de protección ou reeducación de menores, ser unha muller vítima de violencia de xénero, pertencer a minoría étnica ou ser beneficiario da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), entre outros.

 

O programa inclúe axudas para a contratación de persoas en situación de risco de exclusión social, de xerentes ou técnicos para garantir a viabilidade da empresa de inserción ou de técnicos en accións de orientación e acompañamento á inserción. Tamén inclúe a realización de labores de mediación laboral para a contratación de persoas en inserción no mercado laboral, formalización de préstamos con entidades financeiras ou creación ou ampliación do cadro de persoal.

Espazo social e económico

O director xeral de Promoción de Emprego apuntou que as empresas de inserción laboral teñen un papel protagonista na inclusión e están a gañar espazo social e económico de forma crecente como consecuencia das necesidades de incorporación social e laboral das persoas en situación de exclusión ou de gran vulnerabilidade.

Estas organizacións desenvolven a súa actividade co obxectivo de que a persoa recupere uns hábitos laborais, sociais e de relación que perdeu de forma involuntaria e, por outro lado, posibilitar o acceso a un traballo remunerado que lle permita ter acceso a unha maior autonomía e ao logro de obxectivos persoais.

Hermida engadiu que estas empresas destacan pola súa instrumentalidade, ao non ser un fin en si mesmas, senón que supoñen un instrumento de intervención sociolaboral; e pola súa transitoriedade, porque a súa vontade é que as persoas en proceso de inserción, tras un período de traballo na entidade, se integren no mercado laboral ordinario.

Lembrou que as empresas de inserción laboral “son organizacións que co seu traballo fan visibles a unha serie de persoas que permanecían ocultas para unha gran parte da sociedade, que comprenden ás persoas excluídas e que contribúen a que elas mesmas entendan e empecen a dominar a súa situación e as súas dificultades”.

As empresas de inserción laboral “son entidades que están asumindo un rol que é, en definitiva, unha responsabilidade do conxunto da sociedade” e que “exercen como movementos, ideas e actuacións que rompen a dinámica da exclusión, todo iso reforzado cunha estratexia que incorpora formas de traballo que entenden a economía non coma un fin, senón coma un medio”.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: