O Sindicato de Xornalistas propón alternativas para evitar os despedimentos no Concello de Ames

«A intención de eliminar da relación de postos de traballo oficial departamentos como a radio municipal, o Servizo de Normalización Lingüística ou a animación a lectura vai máis ala dunha conxuntura económica que obriga a reaxustes e outrosí elimina medios de difusión de información e cultura de xeito definitivo socavando gravemente os dereitos dos amienses», argumenta o Sindicato.
A central destaca que a radio municipal foi ao longo destes anos un exemplo de pluralidade, pois por alí pasaron membros de tódalas forzas políticas para explicar en liberdade os seus proxectos. Por iso o SXG conclúe que «o seu peche pode considerarse un atentado directo contra a liberdade de expresión; o despedimento destes xornalistas pon ademais en perigo o servizo de información aos cidadáns a través da páxina web municipal, mantida case en exclusiva por un dos despedidos»
O Sindicato tamén propón alternativas aos despedimentos. Entre elas, «mancomunar estes servizos cos concellos limítrofes ampliando ademais a audiencia da emisora» ou crear un padroado para o mantemento destes servizos.»