A ponte festiva réstalle incidencia á primeira xornada de folga en Povisa
A partir do luns poderase comprobar o seguimento real do paro convocado para rexeitar o despedimento de 27 traballadoras/es da limpeza A ponte festiva restoulle incidencia á primeira xornada da folga indefinida convocada en Povisa polo despedimento de 27 empregadas/os da limpeza xa que moitos dos servizos do centro médico vigués atópanse pechados. Dende a CIG entenden que até o luns non se poderá saber cal é o seguimento real do paro.
A folga non está a ter moita repercusión na súa primeira xornada xa que moitos dos servizos do centro atópanse pechados. Con todo, algúns traballadores/as secundaron o paro e participaron na concentración convocada ás portas do hospital que se prolongou até as 17.00 horas. Dende a CIG explicaron que os representantes do comité de empresa mantiveron unha xuntanza zo xefe de persoal de Povisa para trasladarlle unha proposta que permita desbloquear o conflito. «Dixémoslle que estamos dispostas/os a conxelar os salarios en 2012, a retirar a demanda da CIG polos atrasos e a desconvocar a folga pero non lles parece suficiente; o que queren é ir ao convenio provincial, baixar os salarios e reducir a xornada», explica María Xesús Neira, a secretaria da sección sindical da CIG en Povisa.
Diante disto, nos vindeiros días anunciarán novas mobilizacións. Esta fin de semana levarán a cabo máis concentración fronte ao centro médico entre as 10.00 e as 12.00 horas e a partir das 15.00 horas.