O comité de empresa de Alcampo convoca concentracións para protestar polo despedimento dunha traballadora en Vigo
Dende a CIG denuncian a actitude do xefe da sección de lácteos do centro comercial, ao que acusan de abuso de autoridade
VIGO/09-12-11
O comité de empresa de Alcampo Vigo 2, centro comercial situado na Avenida de Madrid, desenvolveu hoxe unha nova mobilización para denunciar o despedimento dunha traballadora e criticar a actitude do xefe da sección de lácteos. As protestas continuarán todos os luns e venres do mes de decembro entre as 12.00 e as 13.00 horas. Numerosos compañeiros/as da afectada permaneceron por espazo dunha hora na entrada do centro comercial cunha faixa na que se reclamaba a súa subrogación, ao tempo que berraron consignas contra a actitude “manipuladora e prepotente” do xefe da sección de lácteos. Dende o comité explicaron que a afectada ten máis de 20 anos de experiencia como repoñedora na empresa e foi subrogada por distintas compañías con carácter indefinido. “Agora é despedida, polo que Alcampo incumpre o compromiso de subrogación de persoal que figura no convenio”, critican. Os representantes dos traballadores/as culpan desta situación ao xefe da sección de lácteos, de cuxa actitude xa informaron á empresa en distintas ocasións. En concreto, do seu xeito de organizar o departamento, xa que “aboca os compañeiros/as con máis experiencia a continuos cambios, outorgando capacidade de mando a quen non dispón da categoría legalmente necesaria para esta función”. Tamén remitiron escritos censurando as súas malas formas, coaccións e faltas de respecto, “principalmente coa parte feminina da sección”. Outra das críticas ten que ver co que cualifican xestión manipuladora con abuso de autoridade, xa que “utiliza a súa situación como encargado para manipular ás marcas co fin de que soliciten ou non repoñedoras, mesmo realizando pedidos en cantidades excesivas, o que despois obriga a baixar o prezo dos produtos para que non se perdan ou a tiralos ao lixo, e despois culpa ás propias repoñedoras”. Como consecuencia desta actitude e da falta de resolución, compromiso e inoperancia da dirección de Alcampo Vigo 2, denuncian dende o comité, produciuse o despedimento.