Feira Ecolóxica de Arzúa 2011 – conferencia de prensa de presentación
conferencia de prensa de presentación da VIII edición da Feira Ecolóxica de Arzúa, a meirande de Galicia. O mercado ecolóxico máis grande de Galicia volve un ano máis a Arzúa coa Feira Ecolóxica. Os días 17 e 18 de decembro celebrarase a oitava edición deste evento que xa adquiriu proxección estatal e internacional, ademais de ser un referente imprescindible na comarca e no país. Produtores e produtoras locais, outros chegados de diversas partes do Estado e ata do Brasil integrarán os preto de 50 stands da Feira. E coma todos os anos, música, teatro, conferencias, proxeccións, actividades para o público infantil e diversos xeitos de achegarse á Terra daranse cita na vila coruñesa. Ademais e, sen dúbida e dadas as datas nas que se celebra, a Feira Ecolóxica será unha magnífica ocasión para facer de forma máis xusta e respectuosa coa contorna as compras do nadal.
Este evento está organizado e co-financiado polo Concello de Arzúa, financiado pola Deputación da Coruña e xestionado por Coperactiva Cultural e presentarase nunha conferencia de prensa en Arzúa o martes día 13 de decembro. no Telecentro de Arzúa e acudirán a ela o alcalde do Excmo. Concello de Arzúa, José Luís García López, a concelleira de Medio Ambiente do dito municipio, Natalia Pereira Rey e o responsable de organización do festival, Manuel Vicente.