MÁIS DE VINTE MOZOS E MOZAS PRESENTARON HOXE CATRO PROXECTOS DO PROGRAMA INICIATIVA XOVE NUN ENCONTRO EN VIGO
O programa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ten por obxectivo animar á mocidade a deseñar e executar os seus propios proxectos
- Para financialos, a Consellería de Traballo e Benestar destinou no 2011 un total de 695.000 euros dos que se beneficiaron 269 iniciativas de toda Galicia
Vigo, 12 de decembro de 2011.- A Residencia Xuvenil Altamar acolleu hoxe o encontro de Iniciativa Xove en Vigo, no que se presentaron catro proxectos da mesma realizados no sur da provincia de Pontevedra. O programa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, ten por obxectivo animar á mocidade a deseñar e executar os seus propios proxectos. Para financialos, o departamento destinou no 2011 un total de 695.000 euros dos que se beneficiaron 269 iniciativas promovidas por asociacións xuvenís e grupos informais de toda Galicia. En concreto, no encontro participaron máis de vinte mozos e mozas que presentaron un total de cinco proxectos. ‘Universidade, enerxía limpa, emprego e xuventude’, a primeira destas iniciativas, foi presentada polos membros da asociación xuvenil Engranaxe. Con esta proposta, estes mozos e mozas, estudantes de enxeñería do campus vigués, conseguiron que máis de 500 compañeiros de facultade asistisen, como visitantes únicos, ás xornadas organizadas por eles na Escola Superior de Enxeñeiros Industriais sobre emprego e enerxías renovables. Ao longo deste ano, os membros de Engranaxe levaron a cabo diversas iniciativas enfocadas a poñer en contacto a estudantes de carreiras técnicas con iniciativas relacionadas coa innovación, o emprego, ou o emprendemento xuvenil. A segunda destas iniciativas é ‘Estudantes polo mundo’ desenvolvida polos membros do grupo informal Rosa Verde. Os mozos e mozas deste grupo informal levaron a cabo un traballo de investigación sobre as políticas de saúde que existen en Galicia relacionadas coa mocidade, e participaron nun congreso internacional en Roma. Outra das iniciativas que se deu a coñecer neste encontro foi a da Asociación Xuvenil Altamar. A proposta dos mozos e mozas desta agrupación xuvenil está enfocada a axudar na integración dos novos estudantes universitarios da Universidade de Vigo e a promover condutas de ocio responsable entre os máis novos poñendo en marcha cursos, torneos deportivos e actividades de ocio alonxadas dos modelos convencionais.
Este encontro pechouse coa presentación do proxecto sobre medioambiente posto en marcha pola asociación mariñense AXUMA. Os mozos e mozas desta asociación levaron a cabo os obxectivos propostos no seu proxecto realizando distintas rutas de sendeirismo e de recuperación de espazos naturais e un campamento medioambiental en Baiona para mozos e mozas de entre 18 e 29 anos.