MATO APOSTA POR CONSTRUÍR UNHA “REDE DE APOIO E ACCIÓNS” PARA AS PERSOAS CON DISCAPACIDADE PARA GARANTIR UNHA SOCIEDADE INCLUSIVA
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asistiu hoxe en Madrid ao Real Padroado da Discapacidade, presidido pola súa Alteza Real a Raíña Dona Sofía
- A titular do departamento autonómico salientou que a atención a este colectivo é unha “prioridade irrenunciable” do Goberno galego
- Destacou dos eixos fundamentais de actuación: o Plan integral de acción para as persoas con discapacidade 2010-2013; e a nova carteira de servizos de atención á dependencia que recolle recursos específicos para cada tipo de discapacidade
Madrid, 12 de decembro de 2011.- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, apostou hoxe por construír unha “rede de apoio e accións” dirixida ás persoas con discapacidade co fin de configurar unha sociedade “na que a diversidade teña plena cabida”. Neste sentido, defendeu a necesidade de poñer o acento “nas capacidades fronte ás dificultades”, así como por promover unha “estratexia de accesibilidade universal”.
Así o destacou a titular do departamento autonómico no transcurso do Real Padroado da Discapacidade, que se celebrou en Madrid, e que estivo presidido pola súa Alteza Real a Raíña Dona Sofía. Durante a súa intervención, Mato salientou que a atención ás persoas con discapacidade é unha “prioridade irrenunciable” para o Goberno galego. Ao respecto, concretou que a acción da Administración autonómica céntrase en dous eixos fundamentais de actuación: o Plan integral de acción para as persoas con discapacidade 2010-2013; e a nova carteira de servizos de atención á dependencia. Con respecto ao Plan integral de acción, lembrou que é a “primeira vez” que Galicia conta cunha “estratexia transversal e específica” para a atención das persoas con discapacidade. Esta ferramenta, ademais, foi deseñada en diálogo cos profesionais e colectivos que traballan neste ámbito. O obxectivo deste instrumento é acadar unha sociedade “plenamente integradora e inclusiva”. Por outra banda, Mato puxo en valor a nova carteira de servizos de atención á dependencia, que entrará en vigor na primeira metade do ano 2012, e que dá resposta a aposta pola calidade dos servizos que se prestan para as persoas con discapacidade que teñen algún grao de dependencia. Esta carteira “está orientada á excelencia na calidade, e ao axuste máximo entre o servizo e as necesidades específicas do usuario”. Deste xeito, recoñecerá por primeira vez servizos específicos para cada tipo de discapacidade. Isto é, haberá recursos distintos e especializados para as diferentes discapacidades: física, intelectual, trastornos do espectro autista, enfermidade mental, alhzéimer e outras demencias; ao tempo que se recollerá tamén a especificidade da atención para as persoas xordas.