MEDIO RURAL XESTIONA O ABONO DE FONDOS AOS PROPIETARIOS FORESTAIS DA ÁREA DE ERRADICACIÓN DO NEMATODO DO PIÑEIRO NAS NEVES
O director xeral de Produción Agropecuaria, acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, achegouse hoxe ata a oficina de información aberta por Medio Rural neste concello para facer un seguimento dos traballos de reparto de pagos entre os titulares das parcelas
Desde o pasado 22 de novembro procedeuse á reapertura desta oficina, que está dotada cos medios telemáticos necesarios para poder investigar as fincas obxecto de aproveitamento, coa colaboración dos propietarios
Santiago, 12 de decembro de 2011.- A Consellería do Medio Rural está a atender aos propietarios de parcelas situadas na área de erradicación do foco do nematodo do piñeiro no concello pontevedrés das Neves, para facerlles efectivos os pagos correspondentes ao importe da venda da madeira retirada desta zona. Os interesados teñen de novo á súa disposición (ata finais do próximo mes de xaneiro) a oficina de información aberta pola Consellería para facilitarlles os trámites relacionados con estes pagamentos. O director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, achegouse hoxe ata esta oficina, situada na parroquia de Taboexa, para facer un seguimento dos traballos de reparto dos fondos entre os titulares dos terreos forestais e agradecer a súa colaboración en todo o proceso.
Segundo o establecido polo Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, polo que se declara de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro (aprobado pola Xunta trala aparición do foco), existen dous tipos de pagos aos afectados. Por un lado, o relativo ao importe da venda do valor da madeira aos propietarios con fincas situadas na zona de erradicación, nas que actuou a Administración na corta e enaxenación dese produto. Abono de fondos que se está a realizar neste intre. Por outra banda, a subvención “in natura” (en especie) xa recibida por tódolos propietarios da zona de erradicación, tanto se cortaron eles a madeira como se foi a Administración a que llela cortou, en concepto de tarefas de limpeza, retirada, transporte e destrución dos restos de materiais que quedaban nos terreos forestais logo dos traballos de corta.
Plan de erradicación
Logo da aparición –en novembro de 2010– do foco do nematodo do piñeiro nun punto de control do concello das Neves teñen sido moitas as actuacións levadas a cabo para a erradicación do mesmo, coa posta en marcha e execución dun plan específico no que a Xunta leva gastados xa máis de 6 millóns de euros. Unha delas foi a corta de todos os exemplares de plantas sensibles nun radio de 1 quilómetro e medio ao redor do foco. Moitos propietarios acolléronse á posibilidade de cortar as súas árbores seguindo un aproveitamento compatible coas medidas fitosanitarias adoptadas, mentres que outros preferiron que fose a Administración a que cortase as árbores restantes e logo liquidase con eles o importe da venda desa madeira (tras deducir os custos da explotación forestal), agás as tarefas de limpeza, que tiñan carácter de subvenciónin natura.
A partir do pasado día 22 de novembro procedeuse á reapertura da oficina de información aos interesados habilitada por Medio Rural, que está dotada dos medios telemáticos necesarios para poder investigar as parcelas obxecto de aproveitamento, coa colaboración dos propietarios que se acheguen
Desde a súa reapertura estableceuse un período de atención ao público de dous meses, nos que poderán acceder os titulares das parcelas que –segundo os traballos de xeoreferenciación e medición realizados no momento da corta– teñen dereito a percibir o importe da venda da madeira
Para este labor de verificación da propiedade, os titulares dos terreos poden achegar nesta oficina a documentación acreditativa que consideren oportuna
Corta e limpeza
Desde que se confirmou este foco do nematodo Medio Rural desenvolveu un plan de erradicación e control que, entre outras moitas medidas, contemplou tarefas de corta e limpeza (tanto no perímetro de 1,5 quilómetros como no de entre 1,5 e 20 quilómetros arredor do propio foco); inspección e control nas industrias forestais, no monte e no transporte de mercadorías; actuacións específicas nas industrias da madeira; trampeo do insecto vector (transmisor) do nematodo; traballos de restauración (basicamente repoboacións, baixo determinadas condicións), actuacións informativas (caso da apertura da propia oficina e de diferentes xuntanzas cos afectados) e trámite dos referidos pagos.