Protesta Maier Ferroplast.
Un grupo de traballadores/as da empresa Maier Ferroplast SL concentrouse onte e hoxe diante da sede da compañía no políngono porriñés da Granxa para reclamar a readmisión dun compañeiro despedido. Dende a CIG explican que o afectado, técnico de mantemento na firma auxiliar da automoción que fabrica plásticos de interior para automóbil e que emprega a unhas 220 persoas, foi despedido despois de máis de 13 anos na empresa acusado de baixo rendemento. Ao parecer, a dirección tería comparado o tempo que tarda en desenvolver o seu labor co do resto dos seus compañeiros/as.
Dende a central nacionalista lembran que non existe ningún acordo entre a empresa e o comité que estableza a duración dos traballos e amosan a súa sopresa porque «non sabíamos que facían medición de tempos». A compañía tamén argumentou o despido disciplinario no «extenso historial de baixas» do traballador, pero os seus compañeiros/as matizan que se deberon a accidentes laborais. Critican tamén o feito de que se lle comunicara a decisión de súpeto, sen antes telo advertido ou sancionado.
Diante disto, expresaron as súas sospeitas de que o despedimento se pode deber ao feito de que o traballador puidera pasar a integrar no futuro a candidatura dun sindicato ás eleccións sindicais na empresa.
Finalmente, anuncian que mañá realizarán unha nova concentración de protesta fronte ás instalacións da empresa entre as 13.00 e as 15.00 horas.