Texto intervenci​ón no Pleno – Favec

INTERVENCIÓN DA FAVEC NO PLENO 26/12/2012

Sr. Alcalde,

Señoras e señores concelleiros,

 Interveño nesta sesión plenaria exercendo de portavoz da Comisión Permanente da Federación Veciñal “Eduardo Chao”. Organización que aglutina a 36 asociacións veciñais de todos os barrios da cidade e que representa a preto de 30.000 familias viguesas, o que a configura como unha das principais organizacións sociais da nosa cidade. O obxecto desta intervención é dar conta diante do máximo órgano político e institucional de Vigo da grave situación que está a atravesar o movemento veciñal en xeral, e a Federación Veciñal en particular, como resultado dunha continuada vaga de decisións e actitudes por parte do Goberno Municipal. Sr. Alcalde, desde o 19 de xuño do pasado ano, cando a actual dirección da FAVEC mantivemos a primeira xuntanza con vostede, lle transmitimos o noso firme compromiso para manter unha interlocución fluída entre o Goberno que preside e a Federación. Saudamos de xeito satisfactorio que aquela reunión supuxera o inicio dunha nova etapa tras moitos meses de profundos desencontros. Porén, advertímoslle de xeito ben claro, con total franqueza, que entendíamos esa interlocución como un espazo de diálogo desde o que a Federación Veciñal lle transmitiría ao Goberno Municipal as súas demandas, inquedanzas, propostas e tamén críticas. Dixémoslle daquela, e practicámolo desde o primeiro momento, que expresaríamos coa mesma firmeza as coincidencias e as discrepancias, ambas desde un ánimo construtivo e desde a permanente disposición ao diálogo. Nesa xuntanza, explicámoslle de xeito bastante detallado a grave situación económica que estaba a atravesar a Federación, despois de que non se asinase desde había 2 anos (isto é, desde 2008) o convenio colaboración anual que se viña subscribindo entre Concello e FAVEC, desde moitos tempo  atrás. A súa resposta foi daquela, e tal como consta nas hemerotecas, trasladarnos o seu compromiso para prover á Federación unha achega económica estábel. Porén ese compromiso inda non se materializou a día de hoxe, malia que desde a FAVEC lle remitimos dous proxectos como proposta de convenio, o último hai pouco máis dun mes. Dado que durante as últimas semanas houbo un cruce de declaracións arredor dos cartos recibidos pola FAVEC é preciso aclarar dunha vez por todas ese extremo, desde o meu coñecemento directo como Tesoureiro da mesma. Durante todo o ano 2011 as únicas axudas económicas recibidas pola FAVEC do Concello foron 17.990€ da Concellería de Participación Cidadá e de 20.000€ da Concellaría de Igualdade. Así mesmo hai poucos días o Concello xirou á Federación a cantidade de 6.000€ como aprovisionamento para a realización das Xornadas Veciñais de Muller deste ano (celebradas en novembro) e para a posta en marcha dun programa formativo en materia de igualdade. A suma destas cantidades é de 43.990, menos da metade dos falsos 90.000aos que fixo referencia tanto o Concelleiro de Participación Cidadá, como o propio Alcalde. Todas estas achegas teñen por obxecto a execución de actividades ou proxectos concretos. Isto é, que esas subvencións non están destinadas, como saben, a financiar os gastos de estrutura (persoal técnico, servizos profesionais, gasto corrente…) nos que incorre a propia Federación para poder desenvolver esas actividades. É precisamente para facer fronte a eses gastos estruturais polo que se lle solicita ao Concello a sinatura dun convenio de colaboración sen o que non será posíbel a continuidade da actividade que presta a Federación Veciñal, e que recentemente a maioría deste Pleno acordou que se asinase. Señor Alcalde, señoras e señores concelleiros, A actividade que a Federación Veciñal desenvolve é obxectivamente beneficiosa para o conxunto da veciñanza da nosa cidade. A FAVEC ofrece ás 36 asociacións federadas diferentes servizos, desde o asesoramento en materias como contabilidade, proxectos, financiamento ou comunicación até o artellamento de actividades conxuntas de todo o movemento veciñal, que as asociacións repercuten en beneficio da cidadanía nos seus ámbitos e que non se poderían permitir illadamente. Proxectos como as Xornadas Veciñais de Igualdade, o programa de dinamización socio-cultural dos barrios MOVEVIGO, as mañás veciñais, programas de viaxes culturais e un longo etcétera non serían posíbeis sen a existencia operativa da Federación. Xa que logo, dado que existe unha acreditada e indiscutíbel traxectoria de actividade ao servizo da cidade que nada ten a ver coas falsas “papatorias veciñais” coas que xeito insidioso se nos descualificou días atrás, e dado que estamos a falar dunha entidade social sen ánimo de lucro, entendemos que é xusto e razoábel que o Concello de Vigo axude a financiar esa actividade. Tan xusto e razoábel como son os convenios que vostede, señor Alcalde, ten asinado con diferentes colectivos e organizacións da cidade (Fundación Érguete, Argupación de Centros Culturais, Rede de Mulleres contra os malos tratos ou as 3 centrais sindicais) ao longo destes meses. Acordos que non cuestionamos, porén que nos suscitan a seguinte pregunta: ¿Porque o Goberno Municipal se nega a asinar un convenio de colaboración coa FAVEC cando si o fai con outras entidades? Mais retomando o fío deste lamentábel relato, xorde outra cuestión inda máis concreta: ¿Que cambiou desde o 19 de xuño de 2010 cando vostede, Sr. Caballero, se comprometeu positivamente co financiamento da FAVEC?  O único que mudou desde entón é, que perante as posicións que a FAVEC sostivemos desde a nosa plena independencia en relación á suba das taxas ou á proposta dun trasvase no Verdugo, a resposta do seu goberno para xestionar esas lexítimas discrepancias foi pecharnos as portas, rachando unilateralmente a interlocución e suspendendo todo compromiso adquirido para o sostemento económico da entidade, iniciando en paralelo unha dura campaña de agresión a través de descualificacións e falsidades das que xa falamos. Polo tanto estamos perante unha obxectiva represalia institucional por mor dunha diferencia nas posicións. O Goberno Municipal pretende castigarnos, negándose a recibirnos e tentando afogarnos economicamente, sinxelamente porque sostemos posicións que non sempre coinciden coas do grupo político que o sustenta. Tal feito constitúe unha gravísima vulneración democrática e un atentado intolerábel á participación cidadá. A nosa resposta fronte isto é ben sinxela: o movemento veciñal non sei vai dobrar, e vai seguir sen someterse perante ningunha forza política, sexa goberno ou oposición. Seguiremos a defender aquelo que consideremos mellor para a veciñanza e os nosos barrios, gústelles ou non. Pese a quen lle pese. Mais ese exercicio de insubornábel independencia non é óbice para esixirlle ao Goberno Municipal que rectifique, e que proceda á sinatura dun convenio para o 2012, que evite que o vindeiro mes de marzo a FAVEC teña que botar o peche.

 Sr. Alcalde, pedímoslle que rectifique e que atenda a nosa solicitude de xuntanza, como demostración palpábel da nosa disposición ao diálogo. Poña vostede data, hora e lugar, e acudiremos como sempre fixemos á súa convocatoria. Mañá, ou hoxe mesmo ao remate mesmo deste Pleno. Está nas súas mans 

Máis nada, moitas grazas.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: