MÁIS DE 2.300 PERSOAS BENEFICIÁRONSE DOS OBRADOIROS DE EMPREGO AO LONGO DE 2011 GRAZAS A UN INVESTIMENTO DE 37,6 MILLÓNS DE EUROS

  • O director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, presentou hoxe en rolda de prensa un balance sobre as escolas obradoiro, os obradoiros de emprego e as unidades de promoción e desenvolvemento (UPD)
  • En concreto, foron máis de 1.800 os desempregados que participaron nestas iniciativas que combinan formación e emprego
  • A isto hai que sumar as preto de 500 persoas que participaron como docentes e persoal técnico na organización destas actividades
  • Durante este ano, funcionaron 76 proxectos: 65 obradoiros de emprego, 4 escolas obradoiros e 7 UPDs
  • A formación que obteñen os participantes é plenamente certificable

Santiago, 30 de decembro de 2011.-  Máis de 2.300 persoas beneficiáronse ao longo deste ano 2011 dos programas mixtos de formación e emprego (escolas obradoiro e obradoiros de emprego) e das unidades de promoción e desenvolvemento (UPD). Para desenvolver estes programas, a Consellería de Traballo e Benestar investiu 37,6 millóns de euros.

Así o explicou hoxe o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, quen ofreceu en rolda de prensa un balance sobre os resultados destas iniciativas durante este exercicio.

En concreto, precisou que foron máis de 1.800 as persoas desempregadas que participaron en Galicia nalgúns destes programas, aos que se suman os preto de 500 docentes e persoal técnico que foron os encargados organizar estas actividades.

Tanto o alumnado como o persoal técnico tomou parte nalgúns dos 76 proxectos que se acometeron durante este tempo: 65 obradoiros de emprego; 4 escolas obradoiro e 7 UPDs.

As escolas obradoiro son programas que alternan a aprendizaxe coa contratación, e están destinadas a persoas desempregadas de menores de 25 anos, que perciben un salario mentres dura o proxecto. Pola súa banda, os obradoiros de emprego combinan tamén formación e emprego, pero dirixido esta vez a persoas maiores de 25 anos, que reciben tamén un salario durante a execución do mesmo. Por último, as UPDS son módulos de intervención de carácter supramunicipal que colaboran na preparación e avaliación destes proxectos, descubrindo as potencialidades do emprego nun determinado territorio.

Segundo explicou Hermida, o obxectivo deste tipo de programas é “lograr a capacitación dos participantes para mellorar as súas opcións de empregabilidade; acadar a inserción laboral dos colectivos desfavorecidos; e adecuar aos traballadores e ás empresas ás esixencias do mercado actual”. Neste sentido, adiantou que transcorridos 6 ou 12 meses desde a finalización do proxecto, o índice de contratacións rexistrado entre os participantes “é significativo”

En resumo, os obradoiros e escolas obradoiros contan cunha dimensión triple: mellorar a empregabilidade dos traballadores; desempeñar unha utilidade social xa que se realizan actuacións de mellora das dotacións públicas e dos servizos; e, ao tempo, permiten afondar na colaboración institucional, fundamentalmente entre Xunta e concellos.

Beneficiarios

Para poder participar nestes proxectos, a persoa debe estar en situación de desemprego e inscrita no Servizo Público de Emprego de Galicia. Ademais, debe ser maior de 16 e menor de 25 no caso das escolas obradoiro; e maior de 25 para os obradoiros de emprego.

Cabe lembrar que estes dous programas teñen como destinatarios ás persoas desempregadas que teñen especiais dificultades de inserción no mercado laboral. De feito, “estase a valorar de xeito preferente ás persoas desempregadas que teñan esgotadas as prestacións por desemprego”, explicou o responsable autonómico.

En concreto, durante 2011, o 48,4 por cento do alumnado foron homes, e o 51,6 por cento, mulleres. No que se refire aos tramos de idade: o 22,1 por cento está entre os 16 e os 30 anos; o 42,5 por cento entre os 30 e os 45; e o 35,5 foi maior de 45 anos.

No que se refire ao nivel formativo dos beneficiarios: o 87,7 por cento tiña como máximo ata educación secundaria; o 11,7 por cento formación profesional; e o 0,6 por cento tiña titulación universitaria. Con todo, Hermida lembrou que a formación inicial do alumnado non está relacionada coa que reciben neste proxectos, tal e como establece a normativa reguladora.

Todos os participantes reciben unha formación plenamente certificable. Ademais, con independencia dos módulos que cursaran, todos os alumnos obteñen formación complementaria na seguintes materias: educación compensatoria no caso de non ter finalizado a ESO; orientación e asesoramento laboral; seguridade e saúde no traballo; sensibilización ambiental; e igualdade de xénero.

Sectores

En canto á temática da formación, o director xeral destacou que a construción é a actividade na que participa a maioría do alumnado (50 por cento), aínda que salientou que ten aumentado considerablemente o número de participantes en actividades relacionadas co ambiente (27 por cento) e coa dependencia (16 por cento).

Así, o reparto por áreas en 2011 quedou do seguinte xeito: construción (50%); ambiente (27,3%); servizos de proximidade e atención á dependencia (16,1%); novas tecnoloxías (3%); e hostalería, restauración, actividades náuticas e carpintería de ribeira (3,4%)

Xa por último, Andrés Hermida salientou que en 2012 continuarase con esta liña de actuación. O programa a por en marcha o próximo ano, que será de carácter plurianual, contará cun orzamento de 43 millóns de euros. Entre outras novidades, promoverá a asociación dos concellos e os proxectos de carácter sociolaboral á hora de optar a estas axudas.

About Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: