O DOG PUBLICA MAÑÁ AS AXUDAS PARA OS CURSOS DE FORMACIÓN QUE SUMARÁN 55 MILLÓNS DE EUROS E BENEFICIAR​ÁN A 23.000 DESEMPREGA​DOS

  • A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, presentou hoxe a convocatoria destas subvencións, que se incrementan en máis de 1,6 millóns- un 3 por cento- con respecto a 2011
  • Destaca que o Goberno galego segue a reforzar as súas políticas activas de emprego no eido da formación, unha vez que esta actuación xa se vira aumentada este ano nun 5 por cento con respecto a 2010
  • A responsable da área autonómica indica que a Consellería ampliará, ademais, a formación certificable dirixida á obtención de novos certificados de profesionalidade, xa que en 2012 preto do 100 por cen dos cursos irán nesta liña
  • Díaz López fixo, ademais, un balance das bolsas de axuda concedidas o ano pasado para facilitar a asistencia a estes cursos das persoas en situación de especial vulnerabilidade e avanzou algunhas novidades que haberá para a convocatoria de 2012
  • En 2011, preto de 3.500 alumnos recibiron bolsas de axuda por valor de 300 euros de media ao mes  

Santiago, 9 de xaneiro de 2012.- Preto de 23.000 persoas desempregadas poderán beneficiarse de accións formativas este ano, en cuxa programación a Consellería de Traballo e Benestar investirá máis de 55,1 millóns de euros. Precisamente, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá a orde reguladora das bases desta actuación e a súa convocatoria pública.

Así o avanzou hoxe a directora xeral de Formación e Colocación, Ana Díaz López, quen presentou as novidades da programación para este ano.

En primeiro lugar destacou que a Administración laboral galega incrementará en máis de 1,6 millóns de euros esta actuación con respecto a 2011, o que supón un 3 por cento máis de orzamento. Desta forma, indicou que “o Goberno galego segue a reforzar as súas políticas activas de emprego no eido da formación”. Explicou, neste senso, que o investimento destinado a esta programación xa aumentou en 2011 nun 5 por cento con respecto a 2010, ao pasar, entón dos 50,7 millóns de euros aos 53,5.

A responsable da área autonómica fixo tamén fincapé en que coa programación para o 2012 seguirase a incrementar a formación acreditable, dirixida á obtención dos certificados de profesionalidade. “De feito, preto do 100 por cento dos máis de 1.100 cursos que se ofertarán en 2012 irán nesta liña”, resaltou, ao tempo que destacou que esta orde de axudas foi acordada cos axentes sociais.

Explicou que esta formación acreditable permitirá aos alumnos dispoñer dun certificado con carácter oficial e validez estatal, que, ao mesmo tempo, terá efectos académicos no eido do sistema educativo e profesional recoñecidos na lexislación vixente.

Desta maneira, Díaz López sinalou que a través da orde de axudas para cursos de formación destinados a persoas desempregadas, a Xunta volverá a facer “unha importante aposta por unha formación para o emprego cos máximos niveis de calidade e excelencia, precisos neste contexto de crise económica e laboral”. Ao respecto, destacou que “o que buscamos deste xeito desde o Goberno galego é ofertar unha formación axustada ás necesidades do mercado laboral e ás esixencias de competitividade das empresas”.

Tamén pretende cubrir as aspiracións dos traballadores en materia de promoción profesional e desenvolvemento persoal, co fin de mellorar a súa capacitación para o desempeño cualificado das diferentes ocupacións e o acceso ao emprego. Os novos programas de formación que integrarán a oferta de 2012 da Dirección Xeral de Formación e Colocación están normalizados, actualizados e adaptados ás esixencias do mercado de traballo, ao igual que os de anos anteriores.

Bolsas para a formación

Ademais, a directora xeral de Formación e Colocación fixo un balance das becas concedidas polo departamento autonómico en 2011 para facilitar aos alumnos a asistencia a estes cursos, ao tempo que avanzou algunhas das novidades que haberá para a convocatoria de 2012.

Apuntou, en primeiro lugar, que  a Consellería de Traballo e Benestar concedeu ao longo de 2011 máis de 20.200 axudas deste tipo (tanto de asistencia como complementarias), o que supuxo un investimento de máis de 11,5 millóns de euros. Preto de 3.500 alumnos recibiron de media ao mes 300 euros de subvención para acudir á acción formativa: uns 500 recibiron a bolsa ao ter a condición de alumnos con discapacidade, 1.700 realizaron o curso a través do seu itinerario personalizado de inserción e 1.200 tiñan ao seu coidado fillos menores de 6 anos ou familiares dependentes ata o segundo grao, que recibiron a subvención para poder conciliar a vida familiar.

Díaz López lembrou que estas axudas foron ampliadas en 2009, xa que ata ese momento só existía unha subvención por día de asistencia de 6 euros diarios e anunciou que este ano as subvencións volverán a ampliarse. “En 2012 introducirase unha beca para mulleres vítimas de violencia de xénero de 10 euros por día de asistencia ao curso”, explicou. Polo tanto, en 2012 a contía mínima subvencionable será de 7 euros ao día e un máximo de 61,37 euros/día.

Para ter dereito a recibir estas axudas, os alumnos e alumnas deberán estar inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia e ser admitidos nun  curso que teña unha duración igual ou superior ás 4 horas diarias e 20 semanais.

Existen dous colectivos que poden recibir estas subvencións. Só se pode cobrar unha axuda por este concepto aínda que a persoa pertenza aos dous grupos.

Así, por unha banda, axúdase ás persoas con discapacidade que teñan un grao igual ou superior ao 33 por cento e carezan de rendas de calquera clase iguais ou superiores a 400 euros. O importe da bolsa será neste caso de 13,31 euros por día de asistencia ao curso.

Por outro lado, subvenciónase a aquelas persoas demandantes que participan nunha acción formativa vinculada á realización de actividades de mellora da empregabilidade incluídas no seu Itinerario Personalizado de Inserción (IPI), sempre que non se negaran a participar en actividades previstas no seu itinerario. Neste caso, ademais, deberán carecer de rendas de calquera clase iguais ou superiores aos 400 euros. O importe da axuda tamén é de 13,31 euros ao día.

Transporte e manutención

Ademais, Díaz López sinalou que existen bolsas complementarias de transporte, manutención e aloxamento ás que poden optar todos os alumnos que participen nas accións formativas, ademais dos dous colectivos mencionados.

Así, todo aquel alumno que necesite usar a rede de transporte público para asistir á formación recibirá 7 euros por día. Tamén existe unha contía máxima por día de asistencia de 0,10 euros por quilómetro se é preciso utilizar o vehículo particular sempre e cando: a distancia entre o domicilio do alumno e o lugar de impartición do curso sexa de 50 quilómetros como mínimo e non exista medio de transporte público ou no haxa un horario regular que permita compatibilizalo co da acción formativa. Esta beca será incompatible coa de aloxamento e manutención e a de transporte público.

Pola súa banda, as bolsas de aloxamento e manutención serán de 532,51 euros ao mes o de 17,75 euros ao día. Poderán concorrer a estas becas os alumnos que vivan a máis de 50 quilómetros do lugar no que se imparte o curso ou que a asistencia implique que a persoa deba aloxarse no lugar de impartición.

É preciso salientar que en 2012, estas axudas de transporte particular e manutención concederanse no caso concreto de que os cursos se impartan nun centro propio da Consellería de Traballo e Benestar.

Por último, a directora xeral de Formación e Colocación referiuse ás subvencións que existen para axudar a conciliar a asistencia aos cursos co coidado de fillos e fillas menores de 6 anos ou de familiares dependentes ata o segundo grao, sempre que cumpran de xeito simultáneo non ter rexeitado ofertas de traballo, nin terse negado a participar en actividades de promoción, formación ou reconversión profesional nos tres meses anteriores ao inicio da acción formativa; así como carecer de rendas de calquera clase iguais ou superiores aos 400 euros. Neste caso, as becas son de 13,31 euros ao día.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: