Miles de traballadores/as do sector público concéntranse nos seus centros de traballo contra os recortes da Xunta

  As organizacións sindicais pídenlle ao Goberno galego que escoite as demandas o persoal e retire o anteproxecto de lei.-. Miles de traballadores e traballadoras do sector público galego volveron manifestar este venres o seu rexeitamento ao Anteproxecto de Lei de Medidas no Emprego Público con concentracións simultáneas nos distintos centros de traballo de todo o País. Mentres o Consello da Xunta abordaba a aprobación do proxecto de lei, dende as organizacións sindicais convocantes (CIG, CCOO, UGT e CSI-F) demandaron do Goberno galego a retirada do mesmo e a apertura de ámbitos de negociacións real non baseados na imposición, no recorte de dereitos sociais e económicos do persoal nin no desmantelamento dos servizos públicos.  Ás portas do edificio administrativo da Xunta na Coruña, a Secretaria da CIG-Administración e voceira da área pública da CIG, Maricarme López Santamariña, desmentía as declaracións realizadas polo Director Xeral da Función Pública nas que aseguraba que non hai máis marxe para as negociacións. “Aínda queda o trámite parlamentar, apuntaba, a pesar de que o PP xa anunciou que está disposto a aprobar en solitario, coa súa maioría, o texto autonegociado que nos presentaron este xoves”. Fronte a esta imposición unilateral, Santamariña destacou o masivo seguimento que as mobilizacións convocadas contra este Anteproxecto están a ter entre o conxunto do persoal do sector público. “O que estamos a ver hoxe en todos os centros de traballo –hospitais, xulgados, edificios administrativos, etc- é o rexeitamento unánime a este proxecto de lei. Agardamos que o Goberno  tome boa nota da mensaxe dos traballadores e traballadoras”. Neste senso, a Secretaria da CIG-Administración reclamou á Xunta do PP que “dunha vez faga efectivo o que se lle demandou conxuntamente polas organizacións sindicais, que foi a retirada do anteproxecto e a apertura de ámbitos de negociación nos que abordar como se pode racionalizar a administración pública. Nós estamos dispostos a negociar, pero en ningún caso imos permitir que esta racionalización pase por un recorte dos nosos dereitos laborais e económicos nin por un recorte dos servizos públicos”, aseverou. Pola súa banda, María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, que participou na concentración convocada no Hospital Clínico, en Compostela, resaltou a agresión que estas medidas supoñen para as traballadoras e traballadores da sanidade pública. “estabelécese un imposto sobre a enfermidade, negándose o dereito á prestación por IT, cando é un acto médico, non un acto que faga a vontade o traballador/a. É un facultativo que, responsablemente, decide cando unha persoa non está en condicións de estar no seu posto de traballo e iso ten que ser retribuído na súa totalidade”. Abuín lembra que a retribución do 100% por IT está consolidada desde o ano 1972 e que con estas políticas neoliberais de recortes o que se pretende é “quitar dereitos acadados hai décadas pola clase traballadora”. Xunto a isto advirte que co desprestixio do persoal sanitario o que se pretende é “desprestixiar á propia sanidade pública, devaluala e xustificar así a súa privatización”.Para a secretaria nacional de CIG-Saúde está en xogo, ademais o dereito constitucional a unha sanidade pública, gratuíta e de calidade. “Isto pode derivar nunha sanidade para ricos e outra para pobres, como o sistema de beneficencia franquista”.

 Concentración en san Caetano Unha das concentracións máis numerosas das convocadas en Compostela foi a celebrada diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano. Nela participou o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen asegurou que o PP o que pretende é destruír emprego, reducir servizos públicos básicos e prestar menos servizos á cidadanía, pola vía de privatizar todo o sector público. “Non só se eliminan dereitos laborais fundamentais” dixo, “tamén haberá menos persoal nos distintos servizos e dependencias da administración, o que provocará que a calidade e a atención sexan peores”, engadiu. Para Louzao son medidas “regresivas e antisociais”, porque os servizos públicos son os únicos que poden garantir “a igualdade e a cohesión social, porque a eles accede o conxunto da poboación independentemente da clase social á que pertenza”. O secretario nacional de CIG-Ensino lembrou que estes recortes vélense sumar, no caso do ensino público a todos os que se levan aplicado desde a chegada do PP ao goberno da Xunta de Galiza. “Reduciuse o noso salario, hai máis de 1.000 profesores/as menos, hai menos especialistas nos centros e non se conta co persoal necesario para garantir unha atención integral ao alumnado acaída ás súas necesidades”. A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais da Xunta de Galiza tamén emitiu un comunicado no que exixe que se respecten os seus dereitos laborais e unha rectificación inmediata. Alén diso, fan un chamamento a toda a cidadanía para que “sexa consciente de que este ataque non é un ataque só contra as empregadas e os empregados públicos, é un ataque contra os Servizos Públicos e o Estado do Benestar”.

Expulsión das/os delegadas/os de persoal no Hospital Abente y Lago

Pola súa banda, a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de A Coruña denunciou que esta mañá membros de seguridade do Hospital Abente y Lago, por orde dos seus superiores, impediron que os/as delegados/delegadas de persoal informaran aos traballadores/as sobre o Anteproxecto e as concentracións convocadas para hoxe, expulsándoos do cenrto. “Estes feitos constitúen unha nova afrenta aos dereitos dos traballadores/as, un exercicio de represión sindical que vulnera o noso dereito constitucional de liberdade sindical, polo que a Xunta de Persoal esixirá á Xerencia do Hospital unha explicación sobre eles e a destitución dos responsábeis”, subliñan nun comunicado.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: