A DELEGACIÓN TERRITORIAL DA XUNTA EN VIGO ACOLLE DENDE ESTA TARDE A EXPOSICIÓN“PRIORIDADE 1: POBREZA E EXCLUSIÓN”

  •   Iniciativa da Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-Galicia), poderá visitarse ata o vindeiro día 28 de febreiro.
  • A mostra está composta por unha selección das fotografías presentadas ao II Certame de Fotografía Inclusiva.
  • Trátase da 5ª exposición que acolle a planta baixa da Delegación Territorial coa idea de abrir o edificio administrativo á participación social e cultural da cidadanía.

 Vigo, 21 de febreiro de 2012.- A Delegación Territorial da Xunta en Vigo volve a acoller unha vez máis unha nova exposición de fotografía co obxectivo de abrir o edificio administrativo á participación social e cultural dos cidadáns. Nesta ocasión, trátase da mostra “Prioridade 1: Pobreza e Exclusión”, organizada pola Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-Galicia), e que está composta por máis de corenta fotografías froito do segundo certame de Fotografía Inclusiva organizado pola Rede. O certame aposta pola imaxe fotográfica como motor de inclusión social: facer visibles situacións de exclusión social ao conxunto da sociedade, involucrar a fotógrafos profesionais e afeccionados en realidades que na maior parte dos casos até agora eran alleas e pór a disposición das persoas en situación ou risco de exclusión social un vehículo de expresión propio. Todo para que os poderes públicos dirixan a súa atención cara aos colectivos mais vulnerables, situando ás persoas no primeiro plano da axenda política. O edificio da Xunta acolleu así esta tarde a inauguración da exposición, que estivo presidida pola delegada territorial en Vigo, María José Bravo Bosch. Acompañada polo presidente de EAPN-Galicia, David Silva Gómez, así coma por representantes dalgunhas das principais ONGs da cidade, Bravo Bosch deu a benvida á entidade social e agradeceulles que elixiran o edificio da Delegación para expoñer esta mostra fotográfica, que ten coma obxectivo amosar a problemática da exclusión social e as accións encamiñadas á implementación de medidas efectivas que axuden a paliala. “Quero aplaudir esta iniciativa”, dixo a delegada, brindando toda a axuda e colaboración da Xunta para realizar este tipo de mostras de carácter solidario porque, coma considerou, “non hai maior xustiza que loitar contra a inxustiza”, facendo mención as situacións que atravesan as persoas que se atopan en situacións de pobreza ou risco de exclusión social. Pola súa banda, David Silva, sinalou que “EAPN cumple, con esta exposición, varios dos seus obxetivos fundacionais, visibilización da exclusión social, incidencia política e corresponsabilización de axentes claves na loita contra a pobreza”. As fotografías están relacionadas coa temática da pobreza e a exclusión social en Galicia, e nelas se reflicten aqueles aspectos que manifestan de calquera xeito a pobreza e a exclusión social na nosa comunidade. A mostra iniciou o seu percorrido polos concellos galegos no Parlamento de Galicia o pasado 17 de outubro, Día contra a Pobreza. Tras pasar por A Coruña, Santiago e Lugo, chega agora á Delegación da Xunta en Vigo, onde poderá

visitarse ata o vindeiro 28 de febreiro en horario de apertura ao público, é dicir, de luns a venres de 9 a 19 horas e os sábados de 9 a 14 horas.

Premiados

O xurado do concurso, tras analizar as sesenta e unhas fotografías presentadas (vinte máis que na primeira edición), outorgou os seguintes premios:

1º Premio: OCUPACIÓN ROTA de Elisabet Rodríguez Gándara

2º Premio: VOUME SE NON CHES GUSTA A MIÑA COR de Lucy Branco Pérez

3º Premio: NECESIDADE PARA COMER de Sandra Cristina Surreira Álves

4º Premio: A GAÑAR! de Jose María Martínez Villar

 Como se contemplaba nas bases, ante a calidade das fotografías presentadas, decidiuse outorgar, ademais do primeiro premio, de 600 euros, outros tres accésit de 200 euros cada un en material fotográfico. Da mesma forma, seleccionáronse vinte e oito fotografías que participan na exposición fotográfica “Prioridade 1: Pobreza e Exclusión Social”, que xunto coas mellores fotografías da primeira edición do concurso, percorren diferentes localidades galegas.

Xurado

Segundo as bases do concurso, o xurado estivo composto por:

●     Dna Pilar Rojo. Presidenta do Parlamento de Galicia

●     D. Benigno Lopez. Valedor do Pobo

●     D. Santiago González. Presidente de EAPN Galicia (delegado no Secretario, D.David Silva)

●     D. Carlos Rosón. Vicepresidente de EAPN Galicia. Comisario da Exposición.

●     Dna. Lorena Añón. Secretaria do Grupo de Participación de EAPN Galicia.

●     D. Guelen Dillo. Grupo de Participación EAPN Galicia

●     D. Xosé Cuns. Director de EAPN Galicia.

●     D. Antonio Porto. Gañador da I Exposición Prioridade 1.

●     D. José Trigo. Fotógrafo afeccionado.

●     Dna. María Caramés. Fotógrafa

 Catro mostras nos últimos anos

Esta mostra é a 5ª exposición que acolle a Delegación nos últimos anos coa idea de compatibilizar o carácter administrativo do edificio cunha sede multicultural.  A planta baixa do edificio da Xunta en Vigo xa albergou as mostras do artista galego Diego de Giráldez; a exposición “Arte con Alimentación”, composta por 12 reproducións pictóricas feitas con alimentos naturais por nenos e nenas de 0 a 3 anos da EEII Rosalía de Castro de Coia; a exposición fotográfica “Rehabilitacións de edificios do Casco Vello”,  sobre o traballo de recuperación e rehabilitación realizado polo Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) dende a súa creación no ano 2005 e, por último, a máis recente, a exposición do artista Luis Davila “Entre Liñas”, para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero e que estaba formada por unha recompilación de 12 cadros e unha serie de 20 viñetas do autor.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja un comentario