ECONOMÍA E INDUSTRIA INFORMARÁ DE XEITO INDIVIDUALIZADO SOBRE AS NOVAS AXUDAS E SERVIZOS DO IGAPE NA FEIRA FRANQUIATLÁNTICO
- O Instituto Galego de Promoción Económica contará cun stand propio neste salón de franquicias e negocios no que presentará as novas ferramentas que está a poñer en marcha para impulsar a actividade empresarial
- Vigo, 2 de marzo de 2012.-A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica, ofrecerá información individualizada sobre as distintas ferramentas e as novas axudas e servizos que está a poñer ao dispor dos emprendedores e empresarios galegos no salón de franquicias e negocios Franquiatlántico, que se desenvolverá ao longo desta fin de semana en Vigo.-O Igape, que disporá dun espazo expositivo propio, achegará aos visitantes asesoramento sobre as diferentes liñas existentes para apoiar proxectos de internacionalización ou as destinadas a apoiar os novos investimentos empresariais e impulsar a consolidación ou a mellora da competitividade das empresas xa existentes. Franquiatlántico, que se desenvolve os días mañá e o domingo no Auditorio do Palacio de Congresos do Mar de Vigo, é unha mostra onde se dan cita empresarios, empresas franquiciadoras e emprendedores á procura de oportunidades de negocio ao amparo dunha fórmula que facilita a adopción de modelos de negocio xa probados. Este ano, Franquiatlántico celebra a súa XII edición.