FEIJÓO SINALA QUE A FESTA DA ARRIBADA “ACTUALIZA O ESPÍRITO DO EMPRENDEDOR COMO GRAN MOTOR DA HISTORIA” E LÉMBRANOS QUE GALICIA PODE SER, SE NOLO PROPOÑEMOS, UN DOS CENTROS DO MUNDO”
Salienta que esta festa conmemora un acontecemento histórico, ao tempo que fai presente valores “que nos axudan a entender mellor o momento no que vivimos”
- Subliña que Baiona representa “o principio da galeguidade moderna” e transmitiunos “a impagable lección de que o mundo xira movido polos espíritos emprendedores”
- Considera que “cincocentos dezanove anos despois, esa lección sigue vixente” e lembra que os novos horizontes que anunciou a Pinta existen hoxe e están “na man dos que emprenden, dos que soñan e dos que son capaces de gobernar con tino os navíos onde navegan os pobos e os países”
Baiona (Pontevedra), 3 de marzo de 2012.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe en Baiona, durante a Festa da Arribada 2012, que esta celebración “actualiza o espírito do emprendedor como gran motor da historia” e “lémbranos que Galicia pode ser, se nolo propoñemos, un dos centros do mundo”. “A Festa da Arribada conmemora un acontecemento histórico e, ao mesmo tempo, fai presente valores que nos axudan a entender mellor o momento no que vivimos”, asegurou. Na súa intervención, o mandatario galego lembrou que Baiona non é soamente o primeiro lugar do Vello Mundo que ten noticias da existencia do Novo, senón que tamén representa o principio da galeguidade moderna. “En Galicia nace a conciencia de que Galicia é fin dunha terra e principio doutra. Coa Pinta chega a nós unha nova concepción do orbe, na que os límites antigos quedan derrogados. O mundo faise máis grande o 12 de outono de 1492 e empeza a ter conciencia desa grandeza o 1 de marzo de 1493”, explicou.“Non existían entón servidores, navegadores nin redes sociais que espallaran a noticia máis importante da historia”, sinalou Feijóo, lembrando que “Baiona foi ese servidor e ese navegador, e os vosos devanceiros a rede social que fixo partícipe a España e a Europa do descubrimento de que non estabamos sós”. A partir de aí, engadiu, os galegos “sentímonos comprometidos coa misión de ser un pobo universal, nun mundo que altera as súas coordenadas”. O presidente da Xunta referiuse, ademais, a que Baiona foi o primeiro punto do globo que deu fe “da empresa máis grandiosa concibida na historia: aqueles que poboaban esta vila –dixo-, aprenderon e transmitíronnos a impagable lección de que o mundo xira movido polos espíritos emprendedores”. “Cincocentos dezanove anos despois, esa lección sigue vixente”, aseverou Feijóo, lembrando que tamén agora estamos a atravesar unha “paréntese de desconfianza, á espera de que una nova Pinta nos anuncie novos horizontes”. “Ese horizonte existe e está na man dos que emprenden, dos que soñan e dos que son capaces de gobernar con tino os navíos onde navegan os pobos e os países”, concluíu.