A CIG lembra que as reducións de xornada no hospital vigués Povisa non están a ser voluntarias
Parte do comité de empresa compareceu hoxe para desmentir as últimas afirmacións da dirección do centro médico Dende a sección sindical da CIG de Povisa, que compareceu hoxe xunto a representantes doutras centrais que integran o comité de empresa, lembraron que as reducións de xornada no hospital Povisa están a ser impostas e non son voluntarias como afirmou recentemente a dirección do centro médico vigués. O sindicato nacionalista denuncia que a compañía ameazou con realizar 26 despedimentos aplicando a reforma laboral se auxiliares e celadores non acataban a decisión. A representante da CIG, María Xesús Neira, incidiu na gravidade da medida adoptada pola dirección de Povisa xa que a modificación da xornada será para a toda a vida laboral dos traballadores/as e “afectará tamén aos contratos que se asinen a partir de agora”. Neira advertiu que aínda que polo de agora a medida afectou só a uns 200 empregados/as “a intención da empresa e aplicarlle reducións de xornada a todo o cadro de persoal”. Neste senso, lembrou que con anterioridade tocoulle ao colectivo de limpadoras/es. Nun primeiro momento a dirección ofreceulles a redución a cambio de non despedir, pero finalmente botou á rúa a 27 persoas e subcontratoulle o servizo a unha empresa con moito menos persoal. “Isto está a afectar á calidade do servizo”, critican dende a CIG. A modificación que aplican agora tamén contempla a flexibilidade horaria, polo que os traballadores/as poderán ter distintos horarios. A xuízo da central nacionalista isto vai provocar que haxa momentos nos que o persoal sexa insuficiente, “como acontece no verán cando non substitúen á xente ou fano con persoas con xornada reducida”.
Salarios de hai catro anos
Segundo estimacións da CIG, a redución de xornada suporá unha baixada media dos salarios dun 12,5%, “o que sumado ao 5% dos incentivos que xa nos quitaron, máis os atrasos que non nos queren pagar e a conxelación salarial de dous anos, supón volver a niveis salariais de hai catro anos”. Neira comentou que houbo algunhas persoas que se negaron a asinar a proposta e a empresa xa lles comunicou que podían rescindir os seus contratos e percibir unha indemnización de 20 días por ano traballado cun máximo de 12 mensualidades. Finalmente, indicou que agardarán a ver o seguimento da folga xeral do 29 de marzo para convocar novas mobilizacións.