MÁIS DO 80% DAS EMPRESAS INCLUIDAS NO PLAN DE LOITA CONTRA A SINISTRALIDADE DO ISSGA MELLORARON OS SEUS ÍNDICES NESTE EIDO
A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, clausurou hoxe en Ourense unha xornada técnica do Observatorio Galego de Condicións de Traballo
- Na xornada tamén se analizaron os resultados de tres enquisas de condicións de traballo e expuxéronse os principais resultados das estatísticas de sinistralidade
- O Observatorio creouse como un instrumento de xestión da información e análise das condicións de traballo e os seus efectos sobre a seguridade e saúde laboral da poboación traballadora galega
Ourense, 23 de marzo de 2012.- O 81,7% das empresas que se incluíron no Plan de loita contra a sinistralidade do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, melloraron os seus índices neste eido, segundo reflicte un estudo sobre a aplicación destes plans entre os anos 2008 e 2010. A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, clausurou hoxe en Ourense unha xornada técnica do Observatorio Galego de Condicións de Traballo sobre as enquisas e estudos desenvoltos polo Instituto. Segundo avanzou a directora, das 835 empresas que participaron nesta iniciativa de loita contra a sinistralidade entre 2008 e 2010, 682 melloraron os seus índices, o que supón o 81,7% do total; e o 72,9% melloraron nun índice superior ao do seu sector. Estas empresas supoñían, na orixe dos plans, o 5,89% dos traballadores de Galicia cun 17,22% dos accidentes, mentres que no ano 2010 representaban un 6,01% dos traballadores, con soamente un 13,39% dos accidentes de Galicia. Por sectores, o da construción comportouse relativamente mellor que o da industria, posto que melloran con respecto aos índices sectoriais nunha porcentaxe mais elevada en relación co seu peso relativo na mostra. En xeral as empresas seleccionadas nos plans teñen altos índices de incidencia (motivo polo que se seleccionaron) e van converxendo sensiblemente cara os índices de incidencia do total de empresas de Galicia.
Condicións de traballo
Doutra banda, nesta xornada aproveitouse para presentar os resultados de tres enquisas de condicións de traballo elaboradas e dirixidas por primeira vez polo ISSGA e para expoñer os principais resultados dos estudos estatísticos de sinistralidade laboral. As tres enquisas que se presentan están orientadas a estudar e avaliar as condicións de traballo e a xestión da prevención nas empresas galegas. A primeira escolle como poboación de referencia o conxunto dos traballadores, a segunda ás empresas, e a terceira ás empresas localizadas en polígonos industriais. Entre as conclusións pódese destacar o feito de que a principal modalidade preventiva escollida polas empresas galegas é o servizo de prevención alleo, un 81,60% segundo os responsables das empresas, mentres que só nun 8,70% das empresas enquisadas son os empresarios quen asume persoalmente esta tarefa. A avaliación dos riscos do posto de traballo nos dous últimos anos ascendeu a case o 83% en todo ou parte do centro de traballo nas empresas e, en particular, ao 95% nas empresas de polígonos. En relación ás molestias físicas, especialmente nas molestias musculoesqueléticas derivadas do traballo, aquelas máis frecuentes son as da zona lumbar -para o 43% dos homes e o 39% das mulleres- e as molestias no pescozo e na caluga, nunha porcentaxe de 35% dos homes e do 48% das mulleres. Por último, en canto á sinistralidade laboral, Quinzá-Torroja indicou que o Observatorio analizou aspectos como os accidentes laborais non traumáticos dos anos 2007 a 2010 como infartos, derramos cerebrais e outras patoloxías non traumáticas. Para o estudo, consideráronse 317 partes, dos cales 74 corresponderon a accidentes mortais, o 23,34%. Así mesmo, o Observatorio tamén se referiu aos accidentes laborais de tráfico ocorridos en 2010 para categorizalos e ver a posible influencia que sobre os mesmos teñen factores como a idade do traballador, a súa ocupación, a actividade da empresa en que traballa ou o día da semana, entre outros. En canto aos accidentes laborais por sobreesforzos no ano 2010, Quinzá-Torroja indicou que a súa importancia vén do feito de que aproximadamente un terzo dos accidentes laborais ocorridos en xornada laboral son cualificados así. O Observatorio creouse como un instrumento de xestión da información e análise das condicións de traballo e os seus efectos sobre a seguridade e saúde laboral da poboación traballadora galega, recolle e analiza os indicadores preventivos de maior relevancia, co obxecto de transformar a información en coñecemento, que apoie a toma de decisións en materia de prevención de riscos laborais e condicións de traballo, tanto no eido técnico-científico coma no social para orientar políticas na materia.