BNG Vigo

  Santi Domínguez propón ao PP e ao PSOE de Vigo buscar consenso sobre as cuestións básicas da Área Metropolitana

Vigo, 25 de abril de 2012.- O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, retou este mércores aos portavoces do PP e PSOE de Vigo a unha xuntanza que sirva para chegar a “acordos sobre os temas fundamentais” da Área Metropolitana. Segundo o nacionalista “é lamentable o espectáculo que o PP e o PSOE están dando” ao utilizar este tema de xeito partidista, polo que defendeu a necesidade de acadar o consenso a respecto das competencias, financiamento e servizos da Área Metropolitana.

Santi Domínguez afirmou que a lei aprobada polo PP no Parlamento Galego “nace morta” precisamente pola insistencia dos populares para levala adiante sen consenso co obxectivo de non perder poder na Deputación de Pontevedra.  A respecto do PSOE, o nacionalista criticou que o alcalde mantivera unha actitude de “confrontación directa” que impediu chegar a consensos. “Nin uns nin outros fixeron ningún tipo de favor á Área Metropolitana”, asegurou.

“Nós defendemos a Área Metropolitana e cremos que é imprescindible para que faga máis competitivos os servizos á cidadanía; para iniciar a promoción económica conxunta e que axude aos 14 concellos implicados a ter instrumentos de mellora”, manifestou o portavoz municipal do BNG. Segundo manifestou, “non nos gusta esta lei, pero pensamos que hai posibilidades reais de que o PP faga compromisos para que esta lei avance”.

Nesta liña, o portavoz municipal do BNG instou aos representantes das outras dúas forzas políticas, -“como representantes do concello que abrangue o 60% da poboación”, indicou-,  a chegar a tres acordos básicos. No primeiro deles, Santi Domínguez referiuse á esixencia para que a Deputación traslade as súas competencias. En segundo lugar mencionou a necesidade de chegar ao acordo sobre financiamento e finalmente sinalou o consenso sobre “cales van ser os mecanismos para vertebrar os servizos”.

Santi Domínguez manifestou que non considera difícil “que nos poidamos poñer de acordo nestes aspectos básicos”, que unha vez acadado se podería abrir ao resto dos concellos. “Imos ver se o PP e o PSOE queren a Área Metropolitana ou blindar a Deputación”, sinalou o nacionalista, quen destacou que “esta é unha oferta de consenso que fai o BNG e que ogallá quede sen resposta como noutras ocasións”.

O BNG demanda ao goberno local que avance na aposta pola igualdade con contedores de lixo accesibles

 

Vigo, 25 de abril de 2012.- O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, e a concelleira nacionalista Iolanda Veloso, instaron este mércores ao goberno local que siga avanzando na igualdade de todas as persoas a través da instalación de contedores que sexan accesibles. Segundo anunciou Santi Domínguez, o BNG levará esta cuestión como rogo ao vindeiro pleno da corporación, previsto para o 30 de abril, “porque vemos pouca sensibilidade neste tema”, apuntou.

“Pensamos que é unha medida de moi fácil aplicación que axudará a seguir avanzando no camiño da igualdade”, afirmou o nacionalista. Neste sentido indicou que a proposta consiste en substituir os contedores vellos paulatinamente, a medida que se deterioren. Explicou ademais que os novos  recipientes contan cunha apertura ao mesmo nivel que as persoas que se desplazan en cadeira de rodas ou de estatura media ou baixa. Teñen tamén inscricións en Braille que sinalen que tipo de lixo compre depositar en cada un deles.

Para Santi Domínguez, trátase dunha iniciativa de “relativa facilidade” que non encarece os contedores habituais, “polo que nós pensamos que non hai razóns para que o Concello non lle faga cumprir á concesionaria a súa posta en marcha”. O nacionalista incidiu en que Vigo ten que seguir avanzando na accesibilidade “e non quedarse parado no premio Cocemfe recibido no 2010”.

Ao respecto, Iolanda Veloso recalcou as actuacións impulsadas pola Concellería de Benestar Social cando o Bloque Nacionalista Galego tiña responsabilidade de goberno. Asegurou que Vigo foi referencia neste eido por iniciativas como o bono taxi, as campañas de concienciación e sensibilización, as charlas nos centros de ensino, así como a utilización dos cartos do Plan E para garantir a igualdade entre as persoas da cidade.

A concelleira nacionalista destacou que o BNG investiu máis de 2 millóns de euros na eliminación das barreiras arquitectónicas dos edificios municipais. “Consideramos que era un escándalo que instalacións municipais non foran accesibles para todo o mundo”, asegurou. Salientou asemade os investimentos feitos na reforma de vivendas, co obxectivo de que as persoas con discapacidade non tiveran que abandoar a súa casa, e a actuación realizada nos xardíns de Castrelos para que poidan ser percorridos por persoas con discapacidade visual.

“Non só se trata de reformar beirarrúas e que a nosa cidade teña cota cero: aínda queda moito que facer”, asegurou Iolanda Veloso, quen asegurou que os e as nacionalistas “botamos de menos que o traballo feito dende hai catro anos teña continuidade”.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: