BRAVO BOSCH CUMPRE 100 DÍAS NA DELEGACIÓN DE VIGO CON ACORDOS NO CASCO VELLO, A DECLARACIÓN DA RECONQUISTA COMA FESTA DE INTERESE TURÍSTICO OU A APROBACIÓN DA LEI DE ÁREA METROPOLITANA

  •   A delegada territorial da Xunta e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo plantexou esta mañá aos membros do Consello do CCVV a posibilidade de realizar un convenio de colaboración con algunha entidade financeira para facilitar o acceso dos xóvenes á compravenda dos inmobles rehabilitados polo organismo.
  • O IGVS iniciou hoxe mesmo o procedemento de selección de adxudicatarios para 18 novas vivendas de protección autonómica (VPA) rehabilitadas polo Consorcio.
  • Os interesados en optar a algunha destas vivendas, que se atopan nas rúas San Sebastián, Ferraría e Hortas, teñen de prazo ata o 15 de maio para inscribirse no sorteo dalgunha destas tres promocións.  
  • Esta mañá, e no transcurso dun almorzo informativo, Bravo Bosch fixo balance dos seus primeiros 100 días ao fronte da Delegación Territorial.
  • Deixou claro o compromiso da Xunta coa primeira cidade de Galicia e cos seus proxectos máis importantes coma son o avance nas obras de construción do Novo Hospital Público, o inicio dos traballos da EDAR do Lagares, a situación que atravesa o sector do naval, a ETEA ou a Cidade da Xustiza, da que dixo que “se hoxe mesmo” o Concello de Vigo cede os terreos, “haberá Cidade da Xustiza”. 

 Vigo, 26 de abril de 2012.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, fixo esta mañá balance dos seus primeiros 100 días ao fronte da Delegación do Goberno galego na cidade e a súa área territorial.

No transcurso dun almorzo informativo, debullou os principais proxectos que a Xunta de Galicia ten en marcha na cidade e que durante estes primeiros meses tiveron un pulo importante. Entre eles, destacou a aposta polo Casco Vello de Vigo coa Declaración da Festa da Reconquista coma Festa de Interese Turístico de Galicia ou o acordo alcanzado no seno do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) –no que a Xunta de Galicia ten o 90% do capital e o Concello de Vigo o 10% restante-. Así, explicou a modificación dos Estatutos do organismo ou a creación da figura de vicepresidente ademais de informar de que, hoxe mesmo, plantexou aos membros do Consello de dito organismo a posibilidade de realizar un convenio de colaboración con algunha entidade financeira para facilitar o acceso dos xóvenes á compravenda dos inmobles rehabilitados polo organismo e para que as entidades crediticias “non poñan tantas trabas aos adxudicatarios” que saen resultantes das vivendas.Bravo Bosch resaltou tamén a importancia da creación da Delegación Territorial de Vigo, pola que pasan ao redor de 600.000 persoas ao ano, e que abarca aos 14 concellos que integran a Área Metropolitana de Vigo. Neste senso, a aprobación no Parlamento da Lei de Área Metropolitana foi outro dos logros que puxo enriba da mesa. Así, sinalou que se trata dun proxecto básico que agora debe ser desenrolado por regulamento orgánico con todas as Administracións implicadas, destacando as competencias que porá en marcha a AMV e que pasan por mellorar os servizos abaratando os custos. Deste modo, destacou a mellora que suporá a implantación do transporte metropolitano sinalando que debe ser “útil, áxil, eficaz e económico” ademais de explicar que a Xunta será a primeira en dar exemplo transferindo as competencias que lle correspondan.Por outra banda, amosou o firme compromiso do Goberno galego coa primeira cidade de Galicia e cos seus proxectos máis importantes que nestes momentos están en fase de execución ou avance. Neste senso, falou do importante pulo nas obras de construción do Novo Hospital Público de Vigo, “un proxecto moi ambicioso que amosa a importancia e aposta da Xunta por Vigo”; a vindeira posta en marcha do Centro de Saúde de Navia; o desbloqueo das obras de acometida de servizos para o Centro de Día de Valadares por parte do Concello de Vigo tras denuncialo publicamente hai unhas semanas; o inicio este mesmo verán dos traballos de execución da EDAR do Lagares, onde a Administración autonómica aporta o 49% do total do orzamento; a ETEA, que nos vindeiros días terá novidades cunha nova xuntanza cos colectivos veciñais de Teis para executar as fases do proxecto; a situación que atravesa o sector do naval ou o proxecto da Cidade da Xustiza. Neste último caso, a delegada da Xunta quixo deixar claro a firme aposta do Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo por levar adiante na cidade esta importante infraestrutura xudicial reiterando que o Concello de Vigo, e máis concretamente o seu alcalde, Abel Caballero, comprometeuse a ceder os terreos para a súa posta a disposición ante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda. Por isto, concretou que “se hoxe mesmo” o Concello cede os terreos, “haberá Cidade da Xustiza”.

Inicio do procedemento de adxudicación de 18 vivendas

Coma explicou a tamén presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo no transcurso do almorzo informativo, hoxe mesmo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), publicou a resolución pola que se inicia o procedemento de adxudicación de 18 novas vivendas de protección autonómica (VPA) rehabilitadas polo CCVV e que se atopan nas rúas San Sebastián, Ferraría e Hortas, todas elas na parte alta do barrio antigo. Teñen entre 1 e 3 dormitorios e uns prezos que oscilan entre os 77.139,08 euros e os 193.158,11 euros. É a primeira vez que o CCVV pon no mercado vivendas de 3 habitacións.

Coma xa se anunciara, os interesados en adquirir algunha destas vivendas deben estar inscritos previamente no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, no réxime de Vivenda de Promoción Privada de Réxime Concertado no apartado de compra. A partires de agora, as persoas interesadas teñen que presentar a solicitude concreta para poder participar no sorteo dalgunha destas tres promocións mediante escrito dirixido ao rexistro e cuxo modelo xa poden atopar na páxina web do IGVS, na do Consorcio Casco Vello de Vigo ou na Delegación Territorial da Xunta. Teñen un prazo de 15 días hábiles, é dicir, ata o 15 de maio, para poder inscribirse en dito sorteo.

As 18 vivendas correspondentes a esta nova fase de adxudicación que pon en marcha o CCVV están nestes momentos en plena execución das súas obras e estímase que estean rematadas coma moi tarde, durante o período estival. Son as seguintes:

-Ferraría 11-13-15-San Sebastián 1- 3-5-7:

9 vivendas: 4 dun dormitorio, 3 de 2 dormitorios e 2 de 3 dormitorios. As superficies van dende os 56,60 m2 e 108,90 m2 e os prezos oscilan entre os 100.392,55 euros e os 193.158,11 euros.

-Hortas 10-12:

5 vivendas: 3 de 2 dormitorios e 2 dun dormitorio. As superficies van dende os 66,67 m2 e 107,89 m2 e os prezos oscilan entre os 118.253,91 euros e os 191.366,65 euros.

-San Sebastián  8-12-14:

4 vivendas: 2 dun dormitorio+rocho e 2 de 2 dormitorios+rocho. As superficies van dende os 43,49 m2 e os 75,52 m2 e os prezos oscilan entre os  77.139,08 euros e os 133.951,33 euros.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: