BRAVO BOSCH EXPLICA A LEI DE ÁREA METROPOLIT​ANA DE VIGO AOS COLECTIVOS VECIÑAIS DE CABRAL RESALTANDO A IMPORTANCI​A QUE TERÁ A IMPLANTACI​ÓN DO TRANSPORTE METROPOLIT​ANO

  • A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo un encontro con representantes de 6 colectivos veciñais da parroquia de Cabral.
  • Insistiu en que a Lei de Área Metropolitana de Vigo supón unha “gran oportunidade” para mellorar a calidade e abaratar o custe dos servizos públicos que se ofrecen aos cidadáns ademais de non supoñer un maior gasto para as arcas públicas.
  • Deixou claro que Vigo é a capital da Área Metropolitana e que o órgano básico onde se tomarán as decisións será no seno da asemblea metropolitana.

Vigo, 07 de maio de 2012.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo esta tarde un novo encontro informativo con representantes veciñais da parroquia viguesa de Cabral co obxectivo de explicarlles a Lei de Área Metropolitana de Vigo que recentemente se aprobou na Cámara galega.

Dentro da rolda de contactos que anunciou que levaría a cabo tras a aprobación do texto normativo, hoxe trasladouse ata a parroquia de Cabral para manter un novo encontro con representantes de 6 colectivos da zona –Asociación de Veciños de Santa Mariña, Comunidade de Montes, Asociación de Veciños Rúas e Fontes, Asociación de Maiores a. Rodríguez Castelao, Asociación Veciñal Cabral-Feira e Centro Cultural Becerreira- onde resaltou os beneficios e importancia que terá para a cidadanía a implantación do transporte metropolitano.

Durante o encontro, a delegada territorial explicoulles o texto normativo e informoulles que a Lei suporá unha “gran oportunidade” para mellorar a calidade e abaratar o custe dos servizos públicos que se ofrecen aos cidadáns, sobre todo, os relativos á ordenación do territorio, auga, turismo ou servizos sociais, entre outros, ademais do que suporá o servizo de transporte metropolitano.  

Ademais, deixoulles claro que a súa creación non suporá un maior gasto para as arcas públicas e recordou que a Xunta de Galicia aceptou máis do 60% das suxerencias presentadas por entidades e colectivos no período de alegacións, ademais de aceptar máis do 40% das emendas da oposición durante o trámite parlamentario.

Aínda así, explicoulles que se trata “dunha norma” cuxo desenrolo, segundo se contempla no texto normativo, será por regulamento orgánico. “Recollemos as inquietudes dos colectivos”, comentou Bravo Bosch en relación aos encontros que está a levar a cabo nas últimas semanas e nos que explica aos asistentes todas as dúbidas que teñan ao respecto da lei. Neste senso, deixou claro que “ningún colectivo nos está a dicir que non quere a lei” ademais de especificar que “non din nada sobre a presidencia”. Así, no encontro desta tarde enfatizou que, segundo queda establecido na norma, Vigo é a capital da Área Metropolitana.

A primeira Área Metropolitana de Galicia

A Área Metropolitana de Vigo dará resposta específica a unha realidade social e económica metropolitana que concita a preto de medio millón de persoas co obxectivo de constituír un dos principais polos económicos e dinámicos da Comunidade Autónoma e lograr un espazo axeitado para a posta en marcha da primeira Área Metropolitana de Galicia. Ademais, evitará duplicidades, o persoal será traspasado das administracións que transfiran servizos e non suporá un maior gasto para as arcas públicas.

Se configura como unha entidade local territorial, cun ámbito delimitado polos concellos de Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo, habilitando a incorporación de novos concellos a través de Decreto, e coas mesmas potestades administrativas que os concellos e as deputacións. O Concello de Vigo será a capital da Área Metropolitana de Vigo.

No que respecta á organización da entidade, existen dous órganos básicos que son a asemblea metropolitana e a xunta de goberno, sendo esta última o órgano onde se propoñen as ideas, e a asemblea, o órgano onde se toman as decisións.

En canto a primeira, está integrada por concelleiros dos 14 concellos –concelleiros metropolitanos-, elixidos en función da súa poboación. En total estará conformada por 52 representantes, sendo a cidade de Vigo a que ostenta o 47% de representatividade con 24 concelleiros. A asemblea, coma sinala o apartado 1.º) do texto, lle corresponde “o control e fiscalización dos órganos de goberno metropolitanos”, sendo o órgano que ten atribuídas as competencias metropolitanas máis importantes. Ostenta: o maior número de competencias de carácter económico e de xestión -aprobación do Plan metropolitano cuadrienal de actividades, obras e servizos, así como a determinación de recursos propios de carácter tributario ou a aprobación-; as atribucións en materia de territorio -aprobación provisional do plan territorial integrado e dos plans e programas sectoriais en materia de ordenación do territorio-; competencias metropolitanas -resolver os procedementos de asunción de novas competencias e servizos públicos-; en materia de persoal determinará o número e a composición da comisión especial de contas; no carácter normativo, levará a cabo a aprobación e modificación do Regulamento orgánico metropolitano e a aprobación e modificación dos regulamentos e ordenanzas de carácter metropolitano. Por exemplo, en materia de transporte público de viaxeiros, terá a competencia para a aprobación das tarifas dos servizos metropolitanos.

En canto á xunta de goberno, está formada polos 14 alcaldes. As atribucións en materia de competencias están limitadas ás que lle delegue a propia asemblea, exercendo máis labores de coordinación e cooperación que de decisión.

A AMV ostentará as competencias en promoción económica, emprego e servizos sociais; turismo e promoción cultural; mobilidade e transporte público de viaxeiros; medio ambiente, augas e xestión de residuos; prevención e extinción de incendios; protección civil e salvamento; ordenación territorial e cooperación urbanística; e coordinación nas Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC).

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: