A XUNTA INCIDE, NO DÍA EUROPEO DOS PARQUES, NO DESENVOLVE​MENTO DE REDES DE CONSERVACI​ÓN E CORREDORES BIOLÓXICOS PARA ACADAR A MELLOR XESTIÓN DOS ESPAZOS PROTEXIDOS

O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas ten previsto realizar visitas guiadas con varios colexios galegos, así como unha xornada de prácticas de realización de censo de gaivotas con estudantes de Bioloxía

 

A xunta incide, no día europeo dos parques, no desenvolvemento de redes de conservación e corredores biolóxicos para acadar a mellor xestión dos espazos protexidos

 

  • A Rede de Parques de Galicia está composta por seis parques naturais, nos que a Consellería de Medio Ambiente desenvolverá diversas actividades para conmemorar este día, que se celebrará mañá
  • Boa parte das actividades están orientadas cara ao público infantil, coa fin de darlles a coñecer a riqueza natural da nosa Comunidade Autónoma e conciencialos sobre a importancia da súa protección e conservación

Santiago, 23 de maio de 2012.- Con motivo da celebración do Día Europeo dos Parques, que terá lugar mañá, 24 de maio, a Consellería do Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas  programou para esta semana diversos actos nos diferentes espazos protexidos de Galicia. Boa parte das actividades están orientadas cara ao público infantil, coa fin de darlles a coñecer a riqueza natural da nosa Comunidade Autónoma e conciencialos sobre a importancia da súa protección e conservación, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza organiza anualmente actividades con motivo desta efeméride e anima á participación cidadá nestes actos, que buscan, ademais de divulgar o acontecemento en si, dar a coñecer as áreas protexidas da nosa Comunidade, a súa riqueza ambiental e a relevancia que teñen para o conxunto da sociedade galega.

Co lema deste ano, Áreas protexidas: reconectando coa natureza, reconectar ás persoas coa natureza: observar o ceo, tocar unha árbore, sentir o aire, atoparse a si mesmo, quérese transmitir que o concepto de espazo protexido como lugar illado das agresións externas quedou obsoleto. A xestión destas zonas require coordinación e colaboración nos ámbitos local, rexional, nacional e internacional, e é preciso o desenvolvemento de redes de conservación e de corredores biolóxicos.

A Rede de Parques de Galicia está composta por seis parques naturais: A Serra da Enciña da Lastra, Monte Aloia, O Invernadeiro, o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, Fragas do Eume e o Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán; e un parque nacional, o Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Entre as actividades previstas para esta semana, o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia ten previsto realizar visitas guiadas con varios colexios da área de influencia do PN, viaxarán aos arquipélagos de Cíes e Ons alumnos de 5º de Primaria dos CPR Apostol Santiago, Alborada e Montesol, dos CEIP Valle-Inclán, Chans de Bembribe e Frián de Teis e do CEP Dr. Fleming; todos eles colexios ubicados no Concello de Vigo.  En total se prevé realizar actividades cun total de 450 alumnos cos guías intérpretes do Parque Nacional e profesores dos colexios.

Outra das actividades para esta semana é a celebración dunha xornada de prácticas de realización de censo de gaivotas con estudantes de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela na que participarán uns 18 alumnos e profesores.

Por último este fin de semana está previsto realizar unha actividade na Illa Sur do Arquipélago das Illas Cíes que consiste na limpeza de restos e lixo realizada en colaboración coa Asociacion Galega de Kayak de mar e na que participarán uns 20 voluntarios.

No Parque Natural do Monte Aloia, pola súa banda, están programada para mañá unha xornada de portas abertas no parque natural, e información aos visitantes do significado e importancia da efemérides. O venres, ademáis, recibiranse un cento de escolares de educación infantil do CEIP “Chano Piñeiro” (Gondomar. Pontevedra), aos que se lle explicará o significado e alcance da celebración e o seu lema, e entrega ao alumnado visitante de material conmemorativo, ao tempo que se realizará un percorrido polo Centro de Visitantes e Interpretación Enxeñeiro Areses e o seu contorno.

Desde hai 13 anos

Desde 1999 celébrase o Día Europeo dos Parques, no que se conmemora a Declaración de Suecia, o 24 de maio de 1909, dos primeiros parques nacionais do Vello Continente. Esta celebración está promovida pola Federación Europarc, organización creada en 1973 e que reúne ás institucións dedicadas á conservación da natureza e os espazos protexidos en 38 países europeos. Nestes momentos en España existen mais de 1.800 espazos naturais protexidos, unha oportunidade para protexer e gozar do medio ambiente.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: