BNG Vigo

O Bloque avanza que participará nos organismos da Área Metropolitana dende unha actitude “absolutamente crítica”

Vigo, 24 de maio de 2012.- O portavoz municipal nacionalista, Santi Domínguez, asegurou este xoves que o BNG participará “dende unha actitude absolutamente crítica” en todos os organismos da Área Metropolitana, “porque seguimos mantendo que esta lei non nos gusta”, apuntou. Instou ademais a PP e PSOE a deixar de utilizar a Área Metropolitana “como arma arroxadiza”, nunha liorta na que o asegurou que o BNG non vai entrar, e a traballar para acadar consensos no eido político, territorial e administrativo.

“Imos insistir na crítica, pero seguiremos reclamando as outras dúas forzas políticas que xunto ao BNG imos compoñer a Área Metropolitana para que se establezca a planificación e o consenso dos traballos que hai que poñer en marcha”, destacou o portavoz municipal do BNG. Neste sentido lembrou que a lei nace “sen consenso, total indefinición das competencias que ten que asumir e sen clarificar o papel da Deputación de Pontevedra”, así como o seu financiamento.

Santi Domínguez especificou que no eido político cómpre o acordo para que a Área Metropolitana camiñe “dende o consenso na transformación da propia lei”. No tocante ao eido territorial, defendeu que a Área Metropolitana ten que servir para que os 14 concellos implicados camiñen “no mesmo sentido para sermos capaces de aglutinar o territorio e coordinar o servizos a poñer en marcha”.

A respecto do acordo administrativo, reclamou que Xunta e Deputación de Pontevedra “deixen de facer política clientelar e se senten cos representantes dos 14 concellos para definir as competencias e o financiamento”. Segundo defendeu o nacionalista, tanto a Xunta como a Deputación terá que verter partes dos seus recursos económicos para non duplicar administracións e que o uso deses recursos sexa máis efectivo.

Santi Domínguez subliña que o BNG está en contra da ampliación da prórroga á empresa que xestiona o auditorio

Vigo, 24 de maio de 2012.- O portavoz do grupo municipal nacionalista vigués, Santi Domínguez, recoñeceu este xoves en resposta ás preguntas dos medios que o BNG non ten aínda confirmación oficial de que o goberno da cidade teña o obxectivo de ampliar a prórroga á empresa que xestiona o auditorio de Beiramar e de aumentar a achega municipal en 5 millóns. Porén, subliñou que “se é así, o alcalde ten que saber que o BNG está en contra”.

Santi Domínguez puxo de manifesto a contradición que supón a negativa a pagar ás empresas privadas as acometidas do novo hospital mentres se defende a prórroga a empresa que xestiona o auditorio, Palacio de Congresos SA. Para o nacionalista, “hai que estudar outras fórmulas”, que deben partir do diálogo coa empresa “para sacar rendibilidade ao auditorio”.

O BNG demanda claridade á Xunta no proxecto do novo hospital e alerta dos problemas de financiamento

Vigo, 24 de maio de 2012.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Santi Domínguez, criticou este xoves a falta de claridade da Xunta de Galiza nas sucesivas presentacións do proxecto do novo hospital de Vigo. Alertou ademais da “situación paradoxal” de que existan dificultades no financiamento desta infraestructura en tanto que as empresas construtoras non teñen asegurado o seu financiamento, despois de que a Xunta rexeitara o modelo de financiamento público.

“O único que fai a conselleira de Sanidade é crear máis confusión nos usuarios e usuarias e máis preocupación nos profesionais sanitarios”, subliñou o nacionalista. Pola contra, ao seu xuízo, “o que queda moi claro é que imos ter un hospital privado, xestionado por empresas privadas que neste momento están nunha situación moi complicada, mesmo con algunhas que tiveron que ser intervidas”.

Santi Domínguez criticou tamén outras ambigüidades a respecto das presentacións realizadas pola titular de Sanidade .”Ninguén aclara que o hospital sexa referencia para toda a poboación, tal e como demandou o BNG, dixo ao respecto. Ademais, asegurou que o BNG se nega a que haxa “pacientes de primeira e de segunda”, en referencia a posibilidade de que haxa adscricións obrigatorias a un hospital privado.

Segundo o portavoz municipal nacionalista, a preocupación de usuarios e colectivos “é fundada”, xa que segundo indicou tampouco hai datos claros sobre que atención sanitaria se vai prestar nin sobre o número de camas co que vai contar o centro. “Este é o debate e non o referido ao convenio ou de quen é a culpa”, destacou. Neste sentido, e en resposta aos medios, lembrou que no último pleno o BNG criticou a “modificación substancial” do proxecto inicial, no que a titularidade pública quedaba garantida. Sinalou que o convenio asinado no ano 2006, cando se falaba dun hospital público 100% “si tiña sentido” que o Concello de Vigo se fixera cargo das acometidas dos servizos. “Agora, cando o beneficio recae en man privadas, pensamos que o Concello non ten por que asumir eses servizos”, indicou.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: