XUNTA AVOGA POR REORIENTAR A PRESTACIÓN ECONÓMICA DE LIBRANZA DE COIDADOR CARA Á CONTRATACIÓN DE PROFESIONAIS

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento galego para dar conta das actuacións do departamento autonómico en materia de dependencia no que vai de lexislatura
  • Mato referiuse á proposta realizada polo Goberno galego ao Estado para reorientar  a prestación económica por coidados no contorno familiar cara a unha prestación para contratar a un coidador persoal cunha formación acreditada e de alta na seguridade social
  • A Xunta apela a que se prime a prestación de servizos nos criterios de reparto dos orzamentos estatais destinados á dependencia
  • Actualmente, os servizos representan o 60 por cento das prestacións recoñecidas en Galicia fronte ás libranzas do coidador familiar, cando a media do Estado está nun 45 por cento, 15 puntos por debaixo
  • O investimento en dependencia en Galicia durante a lexislatura ascendeu a 1.390 millóns en global, dos cales 1.010 millóns foron achegados pola comunidade autónoma

Santiago, 12 de xuño de 2012.- O Goberno galego propuxo ao Estado, no marco dos catro grupos de traballo creados para reformular a Lei de dependencia, que se dean os pasos para reorientar a prestación económica dos coidados no contorno familiar cara unha prestación económica para a contratación dun coidador persoal con carácter profesional.

Así o adiantou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante a súa comparecencia a petición propia no Parlamento galego para dar conta das actuacións do departamento autonómico en materia de dependencia no que vai de lexislatura

Na súa intervención, concretou que esta proposta galega consistiría nunha figura profesional que proporcionaría coidados e acompañamentos da vida diaria “cunha formación básica específica e de alta nun réxime especial da seguridade social”. O contrato poderá ser a un familiar, sempre que teña acreditada unha formación para a atención e a alta na seguridade social. “Isto, evidentemente, incide claramente no emprego”, subliñou Mato.

Esta é só unha das propostas realizadas polo Goberno galego nos catro grupos de traballo que se crearon entre comunidades autónomas e Estado para mellorar a Lei de dependencia. Ademais, a Xunta tamén propuxo que o Goberno central teña en conta no financiamento o servizo que se presta e non só o grao, e “en función do servizo, que tamén se teña en conta o grao de dependencia”. Tamén se plantexou que se prime máis a prestación de servizos profesionais fronte ás axudas económicas, “obedecendo ao espírito da propia Lei que cualifica de excepcionais os coidados no contorno familiar”.

Aposta polos servizos

A Xunta leva facendo unha importante aposta polos servizos, fronte ás libranzas económicas, desde o inicio da lexislatura, dado que garanten unha atención de maior calidade e crean emprego. Grazas a este esforzo, neste tres anos ampliáronse de media un 32 por cento todos os servizos de atención ás persoas con dependencia, especialmente os de proximidade, que son os máis demandados.

Neste sentido, Mato resumiu que se incrementaron nun 50 por cento a dispoñibilidade dos servizos de teleasistencia; nun 83% os centros de día; nun 76 por cento a atención de día para enfermos de alzheimer; nun 25% as prazas en residencias de maiores; e nun 12 por cento as prazas de atención á discapacidade.

A isto hai que sumarlle un aumento de máis do 1.400% nas libranzas por servizo (axuda económica sobre factura para aqueles que optan por elixir un centro de día ou residencia privado), que pasaron das 358 en 2009 ás 5.432 actuais. O pulo que se deu ao servizo de axuda a domicilio tamén foi importante, e ascendeu a un 346%, ao pasar de 2.857 beneficiarios en 2009 a 12.761 en maio deste ano.

Grazas a estas cifras, actualmente o 60% das prestacións recoñecidas en Galicia son servizos, fronte ao 40 por cento de prestación económicas, cando en 2009 os datos eran á inversa. Esta cifra supón tamén estar 15 puntos por riba da media do Estado, que se sitúa nunha  media do 45 por cento no que a servizos se refire.

 Así, Galicia está por riba da media estatal en cobertura residencial (17,9% fronte ao 13,1%); en centros de día (10,9% fronte a 6,4%); en axuda a domicilio (16,05% fronte ao 12,8%, ademais con máis intensidade horaria que a media); e en libranza por servizo (11,4% fronte a 6,56%).

“Isto lévanos a que Galicia sexa agora mesmo das poucas comunidades onde hai máis persoas dependentes atendidas a través de servizos, pese a que evidentemente son máis caros”, destacou a titular do departamento autonómico, quen lembrou que esta aposta polos servizos sobre a prestación económica é tamén un acordo froito do diálogo social.

Melloras na xestión

A conselleira tamén se referiu a outras medidas que incidiron directamente na mellora do sistema de atención á dependencia, entre as que citou o deseño dun Sistema integrado galego de atención á dependencia (SIGAD), que unifica nun só sistema toda a tramitación de expedientes; ou o módulo extranet que se habilitou para que os concellos puideran ter acceso á información.

As melloras tamén chegaron ao eido do financiamento: tanto en cantidade como en axilización. No que ao orzamento se refire, Mato lembrou que no que vai de lexislatura investiuse na atención á dependencia en Galicia “1.390 millóns de euros, dos cales 1.010 millóns foron achegados pola comunidade autónoma”. Este ano Galicia destina a este fin 267 millóns de euros, 4,4 máis que o ano anterior, mentres que o Estado achega 94 millóns. Con estas cifras, que foron aumentando ano tras ano desde o comezo da lexislatura, amósase que o orzamento autonómico –isto é, só no que se refire a achega que fai Galicia- aumentou en materia de dependencia nun 99,2 por cento desde que este Goberno chegou á Xunta.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: