Fronte ao daltonismo social, rescate cerebral.

Por: Alberte Cid Garcia

  O daltonismo é un defecto xenético que ocasiona unha absoluta dificultade para distinguir as cores. A palabra daltonismo procede do físico e matemático John Dalton que padecía o devandito trastorno. O grao de afectación é moi variable e oscila entre a falta de capacidade para distinguir calquera cor (acromatopsia) e un lixeiro grao de dificultade para distinguir algúns matices do vermello e o verde.

E vén a conto esta explicación sobre esa patoloxía xenética porque o corpo social tamén padece dun certo daltonismo social. Esa dificultade para percibir correctamente os matices cromáticos da realidade

O cerebro colectivo está enfermo dun certo daltonismo social e por iso é preciso un verdadeiro tratamento cirúrxico do encéfalo público que nos libre dese padecemento inicuo que provoca esa perturbación sensorial que nos induce a unha falsa percepción da cor da realidade. A mente colectiva está doente. Unha enfermidade perceptiva inducida por aqueles segmentos dominantes que mandan sobre quen ventilan as noticias. Si, compatriotas, o cerebro dos sectores populares, do conxunto da clase traballadora e as clases medias ten unha patoloxía similar ao daltonismo. E digo isto porque alteraron a nosa xenética colectiva e introduciron no noso cerebro un chip inoportuno que fai que percibamos incorrectamente a realidade. Si paisanos, as cousas son como son e non como pretenden que as vexamos. Por iso creo que se nos tratase un neurocirurxián e nos librase do daltonismo social veriamos que todos realizamos ben os nosos labores e seguimos cumprindo cabalmente cos nosos quefaceres cotiáns. Non caeu a Ponte de Rande, a Cidade da Cultura segue en pé, as beirarrúas están razoablemente limpas, os automóbiles ensamblados na factoría Citroën seguen percorrendo as calzadas de Galicia. A parte verde do semáforo social non nos defraudou, como pretenden facernos crer. Porén, a medida que un se achega á parte vermella pode percibir o insoportable fedor da ineptitude, a terrible incompetencia rodeada de hipocrisía e a desvergoña con que eles mesmos acubíllana. É como asistir a un atropelo, perpetrado por un automóbil que se saltou un semáforo vermello, e que é contemplado por un garda de tráfico daltónico. O axente estará desorientado e afirmará que a culpa foi do peón, porque o semáforo estaba en verde para os vehículos cando irrompeu repentinamente o transeúnte na calzada. O xuíz terá que contrastar a versión do axente coas versións das outras 50 testemuñas que sabían que o semáforo tiña o disco vermello.

Pois ben a teoría do daltonismo social tamén é aplicable ao escenario político actual. Por iso teríamos que facernos algunhas preguntas e veriamos que as contestacións que dan algúns medios non se parecen á realidade de maneira ningunha.

¿Como entender que mentres un enfermo de diálese ten que pagar o taxi que o leva a recibir o seu tratamento ao hospital Meixoeiro, Abel Caballero dispoña do coche oficial para asistir á manifestación do 1º de maio?

¿Como admitir que Novagalicia Banco que pagará unhas xubilacións millonarias a varios dos directivos responsables de levala ao seu afundimento teña a desvergoña de desafiuzar da súa casa a algunhas familias que non pode facer fronte ao pago da súa hipoteca? Quen lles explica que ademais os contribuíntes doaremos xenerosamente parte dos 100.000 millóns de euros do rescate para que o sigan facendo?

¿Como tolerar que mentres 33.468 vigueses non teñen un emprego e só cobran o subsidio por desemprego ou xa non cobran nin un céntimo, a Sra. deputada e secretaria segunda da Mesa do Congreso, Carmela Silva, cobre 7.078 euros brutos ao mes e outros 99.092 euros repartidos en 14 mensualidades, ademais de varios complementos retributivos que suman un montante de 1.000 euros por asistencia a plenos e xuntas de goberno, aparte de ter cubertas as súas viaxes dentro do territorio estatal?

¿Como cualificar a quen di non poder pegar ollo pola situación dos mozos sen traballo e con todo non ten reparo en ir a Botswana a cazar elefantes?

¿Como queren persuadirnos de que todos somos iguais perante a xustiza se os responsables de impartila gozan duns privilexios propios de déspotas? ¿E como entender que o responsable de gobernar o Consello Xeral do Poder Xudicial gástese 18.000 euros de diñeiro público en Marbella?

Todas as altas institucións do Estado están en crise e nin sequera se salva a xustiza…

Por todo isto, proclamo a necesidade inminente dun rescate cerebral. Porque unha cousa é dicir que todos vivimos por riba das nosas posibilidades e outra moi distinta é demostralo. Aquí os únicos que viviron por riba das súas posibilidades foron os lerchos e zamurgos, os banqueiros indecentes, os políticos corruptos, os maxistrados deshonestos e toda esa pléiade de descerebrados que nos gobernaron nos últimos anos. Xa é hora de tratar ese daltonismo social para que poidamos percibir a realidade como é realmente e non como pretenden que a vexamos.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: