LETE LASA RECOÑECE O LABOR DAS FEDERACIÓNS DEPORTIVAS GALEGAS E BRÍNDALLES O APOIO DA XUNTA DE GALICIA
Felicita á Federación Galega de Atletismo (F.G.A.) e á súa delegación en Vigo pola organización destes campionatos, que se disputarán o vindeiro 1 de xullo no estadio de Balaídos
- Destaca o alto nivel dos atletas galegos participantes, que avanza, di, “un día de competición altamente prometedor”
Vigo, 25 xuño de 2012.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, expresou hoxe o seu recoñecemento ao labor que desenvolven as federacións deportivas de Galicia, e reiterou o apoio do Goberno galego á súa tarefa de impulsar o desenvolvemento das distintas modalidades do deporte na nosa comunidade. Así o manifestou na presentación do Campionato galego absoluto en pista ao aire libre e o Campionato galego de relevos que se celebrarán o vindeiro domingo en Vigo.
Lete Lasa quixo felicitar á Federación Galega de Atletismo (F.G.A.) e á súa delegación en Vigo pola organización destes campionatos, que se disputarán o vindeiro 1 de xullo no estadio de Balaídos e nos que se darán cita “os mellores atletas galegos” xunto a outros doutras comunidades que veñen convidados pola F.G.A.
“O nivel nacional e internacional de David Gómez, Isaac Vicente Landín, Víctor Gallego, Gustavo Dacal, Ana Peleteiro ou Belén Toimil, entre outros, avánzanos un día de competición altamente prometedor que, sen dúbida, se pechará con resultados á altura das expectativas dos máis exixentes”, asegurou.
A competición disputarase ao longo de todo o día e comezará ás 11:00 horas coa proba de 10 q.m. marcha masculina, para rematar, na xornada de mañá, ás 13:40 horas, cando se dispute a final masculina dos 100 metros lisos. De seguido, abrirá a xornada de tarde, ás 16:45 horas, a proba final de lanzamento de martelo masculina, e pecharase ás 21:00 horas coa celebración da final feminina de 4×400.
Na páxina web da federación Galega de Atletismo, www.atletismogalego.org, está dispoñible o horario detallado da competición e outros datos de interese.