Ricky Dávila inaugura no mosteiro de Caaveiro o ciclo ‘Grandes miradas dende as fragas do Eume’

   O fotógrafo de Bilbao abre hoxe o ciclo Grandes miradas dende as fragas do Eume cunha clase maxistral no mosteiro de Caaveiro

Vinte persoas comparten un día enteiro con cada creador nun programa organizado pola Deputación de A Coruña e coordinado por Gabriel Tizón

Vari Caramés, Cristina García Rodero e Alberto García Alix completarán o programa os próximos días 7, 14 e 21 de xullo

Caaveiro, 30 de xuño de 2012. O fotógrafo Ricky Dávila inaugurou esta mañá no mosteiro de Caaveiro (A Coruña) o ciclo Grandes miradas dende as fragas do Eume, unha serie de clases maxistrais organizadas pola Deputación de A Coruña e coordinadas por Gabriel Tizón. Unhas vinte personas, tanto amateurs como profesionais do medio, compartiron toda a xornada co primeiro dos catro protagonistas seleccionados para esta primeira edición. Seguirano nas próximas semanas, un cada sábado, Vari Caramés, Cristina García Rodero e Alberto García Alix.

Aínda que o persegue o eco da súa vinculación aos medios, pola que obtivo premios tan relevantes como o World Press Photo e o Ortega y Gasset nos anos noventa, Dávila (Bilbao, 1964) desmarcouse diante dos alumnos inscritos na súa masterclass do mundo do fotoxornalismo do que procede, hoxe “cauce impracticable” e “rúa sen saída” profesional e creativa. “Todo o talento está fóra do oficio. Nada distrae tanto a mirada como que che paguen por mirar”, argumentou.

Dávila cre, contra o que podería parecer a primeira vista, que o dos medios de comunicación en España “nunca foi unha escenario propicio para a fotografía” e que nas últimas tres décadas este campo foi incapaz de promocionar a ninguén cun discurso visual propio. “Se de algo podo presumir”, dixo na Casa dos Cóengos, o edificio do complexo de Caaveiro no que se instalou a aula, “é de que en 25 anos esta profesión non foi quen de tumbarme”.

Máis ca impugnar o fotoxornalismo en favor da fotografía de autor, ou o que el chama “o documentalismo subxectivo”, Dávila alerta sobre a frecuente confusión entre unha cousa e a outra. “Cando eu facía fotos de celebridades para as portadas das revistas non se me ocorría pensar que estaba a facer xornalismo; era promoción trasvestida de xornalismo”, confesou durante a sesión matinal. “Autoría é asumir a responsabilidade da túa propia liberdade, e iso non é mellor nin máis importante que o oficio, pero é distinto. O que importa é ser sincero con un mesmo”.

Apoiándose na proxección dos seus propios traballos, empezando pola serie Manila e centrando as catro horas da tarde na súa obra máis recente, o de Bilbao foi debullando e compartindo o seu propio proceso de emancipación da gramática do fotoxornalismo até construír unha ollada poética e un dispositivo de traballo máis liberador. “A experiencia é o principal premio, non as fotos”, confesou. “E iso non necesariamente en prexuízo da cobiza visual de cada un”.

“Empregade a fotografía para interpelar, non para xulgar, cualificar ou concluír”, aconsellou os participantes, que compartiron con el dúbidas e inquedanzas de todo tipo durante case oito horas de convivencia no corazón do parque natural das fragas do Eume. “Se facedes fotos para conseguir o entendemento dos demais e non a súa admiración, probablemente o voso auditorio se verá reducido, pero ficaredes salvados do éxito e o fracaso. Todo está contado agás ti”.

A próxima sesión do ciclo Grandes miradas dende as fragas do Eume terá lugar o próximo sábado 7 de xullo con Vari Caramés (Ferrol, 1953) como condutor. Seguirano Cristina García Rodero, o día 14, e Alberto García Alix, o 21. O número de prazas é limitado e a inscrición, que inclúe o xantar e a participación nun libro colectivo sobre a contorna de Caaveiro, custa 110 euros, prezo que se reduce progresivamente ao apuntarse a máis dunha masterclass. Toda a información está na páxina web das xornadas: http://www.talleresfragasdoeume.com.

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: