A DEPUTACIÓN FINANCIARÁ CON 2,2 MILLÓNS DE EUROS OS SERVIZOS SOCIAIS BÁSICOS DOS 53 CONCELLOS DE MENOS DE 20.000 HABITANTES
A Consellería destina 2 millóns de euros para a contratación de desempregados destinados aos concellos
- Serán contratos de 25 horas semanais que permitirán dar continuidade aos servizos que agora están prestando nos concellos os traballadores do Plan de Emprego da Deputación
- Estímase que se poderán contratar unhas 500 persoas
A Deputación de Pontevedra destinará este ano un total de 2.247.504 euros ao financiamento de servizos sociais básicos nos 53 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Así se recolle nun acordo asinado esta mañá polo presidente da Administración Provincial, Rafael Louzán, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato e no que tamén se inclúe unha achega de 2 millóns de euros por parte da Consellería para que a Deputación poida contratar a desempregados para a realización de traballos nos concellos.
A achega que a Deputación destinará aos servizos básicos municipais permitirá cubrir o financiamento do Servizo de Atención no Fogar e a retribución do persoal dos centros de servizos sociais comunitarios e de persoal técnico dos equipos municipais con perfís complementarios aos do traballador social, como auxiliares administrativos ou educadores.
Pola súa banda, a Consellería responsabilizarase destes servizos nos concellos de máis de 20.000 habitantes, así como de subvencionar aos traballadores sociais de todos os municipios.
Tanto a conselleira como o propio presidente da Deputación fixeron especial fincapé no compromiso firme da Administración Provincial cos servizos sociais, que suporá incrementar considerablemente a achega que os concellos poderán recibir neste ano para o servizo de atención no fogar (SAF).
Inicialmente, estaba previsto que a Deputación destinase a mesma cantidade achegada pola Xunta en 2011 a este servizo, pero a administración provincial decidiu ampliala considerablemente para facilitar a cobertura asistencial por medio deste servizo do maior número posible de demandantes.
Así, aínda que estará en función da demanda de axudas que presenten os concellos, estímase que dos 2.247.504 de euros que achegará a Deputación 1.193.579 euros irá ao financiamento dos SAF e 1.053.925 destinarase a persoal técnico e de servizos comunitarios