UGT, CCOO e CIG chaman á cidadanía galega a mobilizarse o vindeiro día 19 para berrar alto e claro que “Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen

       Santiago, 18 de xullo de 2012.- Os sindicatos CIG, CCOO e UGT fan un chamamento á cidadanía galega para que participe nas manifestacións convocadas para mañá, día 19 de xullo, nas principais cidades e vilas baixo o lema “Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen”.

Diante das graves medidas que vén de adoptar o Goberno, CCOO, UGT e CIG acordaron convocar conxuntamente dez manifestacións cidadás este xoves, día 19 de xullo. A de A Coruña, que será o acto central no que participarán os secretarios xerais dos tres sindicatos, sairá ás 20.00 horas da Praza da Palloza. A de Ferrol partirá ás 20.30 horas do Inferniño; Compostela, ás 20.00 horas da Alameda; en Lugo, ás 20.00 horas da Casa Sindical; Burela, ás 20.30 horas da Praza da Mariña; Ourense, ás 20.00 horas do Pavillón dos Remedios; Pontevedra, ás 20.30 horas da Praza da Ferrería; Vigo, ás 20.30 horas da Vía Norte cruzamento con Urzáiz; Arousa, ás 21.00 horas, da Casa do Mar; e Valdeorras, ás 20.00 horas, do Hospital comarcal.

Os tres sindicatos xa advertiron que o novo plan de recortes de Rajoy non quedaría sen resposta e este é o primeiro chanzo dunha andaina, que de non rectificar o Goberno, preséntase longa e dura porque o Executivo central está xogando con lume.

Impoñen un conxunto de medidas dirixidas a recortar, unha vez máis, dereitos e precarizar as condicións de vida e de traballo da maioría social, para que finalmente sexan as clases traballadoras quen paguen unha crise que non provocaron, ao tempo que se protexen e benefician os intereses de banqueiros, especuladores e defraudadores.  Con ese obxectivo o Goberno impón a diminución da prestación por desemprego a partir dos seis meses do 60 ao 50%, así como, o endurecemento dos requisitos para o acceso á renda activa de inserción; incrementar os impostos indirectos subindo o tipo xeral do IVE do 18 ao 21% e o reducido do 8 ao 10%; suprimir a paga extra de Nadal das empregadas e empregados públicos e a súa negociación colectiva; reducir as empresas e fundacións públicas; delimitar a prestación de servizos por parte dos concellos, reforzando a cambio as deputacións; liberalizar o sector servizos ou flexibilizar os horarios comerciais; ou privatizar os sectores de transporte ferroviario, portuario e aeroportos, entre outras. Pero é que xa anuncia tamén recortes para os pensionistas que levará ao Pacto de Toledo e novos ataques á dependencia.

Constítúe unha espiral de recortes e agresións que presenta logo de reunirse cos principais empresarios e banqueiros do país e tras rescates millonarios ás entidades financeiras. Todo isto pon en risco a evolución do consumo e a propia reactivación da economía, cunha consecuencia inmediata, máis desemprego.

UGT, CIG e CCOO advirten que o Executivo non parou de decretar recortes  dende o primeiro día. Goberno a golpe de decreto, o que deriva nun crecente deterioro das institucións democráticas. Porque estas medidas veñen a sumarse a unha reforma laboral inxusta, inútil e totalmente estéril para crear emprego e mellorar a calidade do mesmo, todo o contrario, recorta dereitos e facilita aínda máis o despedimento, incrementando as cifras de desemprego.

Por iso, facemos un chamamento a que, masivamente, a cidadanía galega poña de manifesto na rúa o seu rexeitamento, tanto a estas políticas antisociais promovidas polo PP, como aos argumentos empregados para defendelos e a forma de escenificalos.

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: