Día de Galicia 2012 en Vigo

 Xosé  Luís Méndez Ferrín.- autor do Bando (resumimos parte de ella)

Señor Alcalde e Corporación Municipal de Vigo, dignísimas autoridades, miñas donas e meus señores.

Constitúe para min un timbre de honra o poder dirixirlles esta salutación no Día de Galicia e na cidade na que os meus pais e eu decidimos vivir e na que naceron os meus fillos. Éncheme de orgullo esta historia particular o mesmo que me enche de satisfacción dicir agora que o meu mestre, ourensán de berce coma min, Ramón Otero Pedrayo, foi quen mellor soubo definir a substancia de Vigo.

Para Otero, máis ca unha cidade, iso si, rodeada de entidades de poboación campesiña, Vigo reviste as características dunha comarca ou, como el adoitaba dicir, dunha bisbarra. Gardada polas eminencias do Maúxo, do pai  Galiñeiro, dos altos de Puxeiros, do Vixiador, da Madroa, Vigo amansa os seus vales, amolece as súas encostas, prende lume verde nas súas veigas e milleirais, acende en ouro e en vermello as laranxeiras e os acebiños das eiras aldeás acomodándose ao curso dos ríos pequenos, o principal dos cales é o Sárdoma ou Fragoso. Noutro punto, o Zamáns. Nos cumes do anfiteatro montañoso de Vigo pacen os cabalos e as bestas bravas e celébrase o curro (ben vigués) do Galiñeiro a carón dos petróglifos militares e das mámoas silenciosas e dos restos enigmáticos de fortificación prehistórica. A agricultura, en troques, retírase das terras feraces de Vigo como se retira perante os nosos ollos de toda a terra galega.

A carón do mar, sobre os penedos, naceu a vila vella de Vigo, que logo deglutirá a tamén antiga de Bouzas. Ese Vigo urbano e poderoso, constituído en polo de concentración industrial e núcleo da bisbarra oteriana a cal lle dá sentido. E velaí o mar, o porto, a materia básica do que Valentín Paz-Andrade chamou a grande urbe atlántica. Pexada por barreiras de mala comunicación polo Leste e Sur, pero aberta á navegación planetaria que lle dá sentido á cidade e a converte nun estímulo permanente á acción en liberdade.

Partindo do pensamento político-económico de Paz-Andrade, chegamos, vía Castelao, á nación de Vigo como (dicían eles) hínterland. A rede industrial, mesmo agrícola residual e vigorosamente cultural, non se esgota nos lindeiros do concello de Vigo, por moito que a superficie deste sexa cumprida. As características de Vigo e de parte dos seus municipios achegados son comúns e concomitantes. E isto non é cousa de hoxe. Vexamos: na Idade Media os historiadores detectan unha xurisdición ou Terra chamada Turonio. Os límites dela eran: polo Sur o río Miño; polo Norte a ría de Vigo (sen o Morrazo, naturalmente); polo Leste, vougos indefinidos e non estables nas montañas. No Oeste, a Terra de Turonio estremaba co misterio porque alí era o mar océano e da outra banda non se sabía que. Estes de Turonio son os espazos humanos e naturais que hoxe se ordenan arredor de Vigo. Dun Vigo que agora sabe que do outro lado do mar está Nova York, que ao Sur do Miño se encontra (a tiro de pedra) Portugal e a concentración comercial e industrial do Grande Porto. No Leste permanece a indefinición.

Señoras e señores, ninguén esquece aquí que estamos en Galicia e que celebramos o seu día nacional. Polo tanto, faise preciso lembrar (en Turonio, en Vigo) que hai centos de anos, o reino de Galicia sufriu unha escisión que floreceu e se expandiu no Mundo co nome glorioso de Portugal. Hoxe, existe, polo menos nos papeis e no deseño, a posibilidade dunha euro-rexión que rectifique a historia en beneficio de Portugal e en beneficio de Galicia. Esa eurorexión debería ser activada realmente e non podía recibir outro nome que aquel antigo que ostentaba a provincia romana que nos identifica e configura e o reino que fundara no século V Hermerico: Gallaecia. A posición estratéxica de Vigo na euro-rexión Gallaecia e a tradicional habelencia viguesa para interactuar coa cidade e hinterland do Porto (e viceversa) deberían incentivar toda clase de movementos en favor de euro-rexión Gallaecia, a fin de ela pasar do plano ideal ao plano real. Fago votos no 25 de xullo porque así sexa.

Sen que o 25 de xullo tivese recoñecemento público de carácter galego durante os anos do franquismo, os galeguistas e demócratas de todo tipo, mesmo os agnósticos e ateos, concorrían á misa por Rosalía de Castro no agora frustrado Panteón de Ilustres. Á saída dunha de tales misas e cando un grupo cantaba Venceremos nós, foi detido e levado perante o Tribunal de Orde Pública o economista e pensador humanista cristián vigués Xaime Illa Couto. Pero hai que fixar no verán de 1968 a reconstrución do Día Nacional desde a clandestinidade e a resistencia antifranquista. Tras da revolta do estudantado galego, do banquete a Celso Emilio e do conflito de Castrelo de Miño, no verán de 1968 a UPG, en converxencia coa Liga Democrática de Vigo, cos estudantes  de ADEG e outros grupos, lanzou unha masiva campaña na que se chamaba á CNC, Concentración Nacional en Compostela, o 25 de xullo, Día da Patria Galega.

Nós eramos novos. Outros, mesmamente, mozos. As “oitaviñas” e os pasquíns cubrían as praias, partían das fiestras dos vehículos, nacían como fungos nas encrucilladas, inclusivamente descendían danzando coma un maná de esperanza desde o alto dos viadutos de Redondela. Houbo presos, durísimos interrogatorios. O 25 de xullo de 1968 non houbo Concentración Nacional en Compostela, e si concentración de policías e de soldados (por primeira, e coido que única vez no caso dun intento de manifestación democrática en Galicia). Renacía o Día da Patria Galega, ou Día Nacional de Galicia ou Día de Galicia.

Día que hoxe gozamos todos os presentes, e que nos leva, se me permitides, ao outro día memorábel: o 17 de maio de 1863, do que se farán 150 anos no próximo curso cultural e político. En 1863 Vigo era tan dinámico coma hoxe aínda que ben máis pequeno. A flor dos progresistas galegos puxera os seus ollos en Vigo como cidade facho do anovamento de Galicia. Alexandre Chao (dos da Farmacia da praza da Constitución, irmán pequeno de Eduardo), Xoán Compañel (impresor e propagandista das ideas revolucionarias) uníronse a Manuel Murguía e a Rosalía de Castro, para, en Vigo, rúa Real instalaren o seu aparato de propaganda e axitación intelectual, literaria e política. Daquelas minervas saíu o xornal La Oliva, en anos, ai!, fugaces de liberdade, e imprimíronse libros tan importantes como La primera luz de Murguía, alén de Cantares Gallegos en 1863, cando La Oliva tivera que metamorfosearse prudentemente en El Miño.

E digo isto para advertir que Vigo non só é a capital estrepitosa do progreso material, senón tamén o lugar onde xermolan as sementes das artes e das letras. E tamén das ideas. Vanse facer os 150 anos da impresión dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Este acontecemento ocorreu na cidade de Vigo que, desde entón a hoxe, vén sendo un centro principal da cultura literaria de Galicia e, mesmamente, a súa capital editorial. “Teño lanchas, teño redes”, reza o texto da cantiga popular. Si, sabemos facer barcos e preparar conservas e convertémonos nun polo de alta experiencia da industria automobilística e das súas auxiliares. Somos metalúrxicos. Que non nos enxordeza o balbordo portuario e o zoar dos motores e das máquinas ferramenta. Que o soprete do soldador irmán non nos cegue a vista. Somos todo iso, do mesmo modo que en Vigo, en Zamáns, somos gandeiros do Galiñeiro e horticultores e  espertos en cereixas  por Beade, tamén somo escritores, e pintores, e músicos e científicos e técnicos que souberon levantar unha universidade excelente en tempo récord, universidade en cuxos verdes lameiros pacen, por certo, os cabalos bravos. Eu quero insistir agora en que en Vigo, desde 1863, desde Rosalía de Castro a hoxe, estanse a editar libros e estase a producir literatura de modo intenso e pertinaz.

En virtude do cal, señor Alcalde e Membros da nosa Cámara de representación municipal, pídolle que o concello de Vigo no ano próximo se sume co corazón aberto a aqueles que van conmemorar con intensidade, na cidade aberta e ceibe de Vigo, os 150 anos da impresión de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro na rúa Real, coido que á dereita conforme se baixa das Casas de Aríns, home non, á Ribeira do Berbés.

Señor Alcalde, Corporación Municipal, dignísimas autoridades, e señoras e señores, moitas grazas pola vosa atención.

Vigo, xullo de 2012

X. L. Méndez Ferrín

Bando do Alcalde Vigo

 

Miñas donas e meus señores

Vigo, hoxe, Día de Galicia, ó son dos rumorosos, neste verdecente Castrelos proclama a súa vontade de camiñar cara ó horizonte, na procura de máis unidade, máis solidariedade e máis liberdade. Hoxe, Vigo, escoitando ós rumorosos, quere marchar cara á recuperación da súa actividade económica, do emprego, sen que ninguén quede excluído, sen que ninguén quede polo camiño. Hoxe, Vigo, no confín dos verdes castros, quere renovar unha vez máis o seu compromiso coa Galicia nai e señora.

 

Vigo, hoxe, Día de Galicia, ó son dos rumorosos, neste verdecente Castrelos proclama a súa vontade de camiñar cara ó horizonte, na procura de máis unidade, máis solidariedade e máis liberdade. Hoxe, Vigo, escoitando ós rumorosos, quere marchar cara á recuperación da súa actividade económica, do emprego, sen que ninguén quede excluído, sen que ninguén quede polo camiño. Hoxe, Vigo, no confín dos verdes castros, quere renovar unha vez máis o seu compromiso coa Galicia nai e señora. crise baleira os estaleiros, abocando a milleiros de magníficos traballadores e traballadoras ao paro, obrigando ó peche a tantas empresas. A nosa meta atópase na reivindicación unánime, para poder competir en igualdade de condicións a nivel internacional, como xa o temos feito con éxito anteriormente, para volver ó volume de emprego anterior. A automoción tamén está a sufrir esta crise inxusta. E é preciso mobilizar entre todos a modernización da automoción viguesa, grande fonte de dinamismo económico, industrial e laboral de Galicia. Os servizos, o comercio, a pequena e mediana empresa, a hostalería, a cultura, a restauración ou a ciencia están tamén a padecer unha crise que non causaron os traballadores aos que agora lla fan pagar. E fronte a isto unión, forza e solidariedade; innovación, benestar social e emprego. Todos os sectores sociais do país están a recibir os duros golpes da crise. Pero en todos temos que responder aos envites e encarar os retos coa coraxe de quen está convencido de saír gañador na contenda. Colectivamente nos corresponde unificar as metas, buscar emprego en beneficio de Vigo e de Galicia, do noso benestar. E se alguén quere facer pagar ós traballadores, ós parados ou ós maiores, dirémoslle que non,  que a crise se ten que afrontar desde o crecemento económico, desde a potenciación da industria, dos servizos e desde o principio de que ninguén quede no camiño, nin doentes, nin estudantes, nin funcionarios, nin traballadores, nin pensionistas… Todos xuntos loitando contra os erros do sistema. E no camiño, o apoio ó deporte de base e a nosa ledicia polo ascenso a primeira división del Real Club Celta un éxito que nos sitúa onde nos corresponde.Asociacións, empresas, sindicatos, institucións, administracións… Cada quen achegamos unha peza única do puzle, unha parcela da visión común de Vigo, Vigo cohesionado e unido, o Vigo que desexa cooperar para avanzar. Desde esta cohesión camiñamos e aos que nos queren esquecer os tempos llo recordarán e a cidade llo reclamará. “E Galiza, a esquecida,/ arredada e viúva/ dun Reino polos outros devorado” versaba Valentín Paz Andrade. Protagonista do Día das Letras Galegas, vigués comprometido cunha Galicia moderna vehiculada pola industria e a economía, debuxaba hai décadas o camiño a percorrer para a Galicia que todos queremos, unha Galicia interpretada desde o viguismo máis dinámico, máis industrial, máis universal. Vigo sente e fai propio este Día de Galicia e, desde este Pazo de Castrelos, coas verbas de Valentín Paz Andrade, no mascarón de proa, facemos unha chamada á unidade, a suma de todas as nosas vontades pola saíd cohesionada da crise, un día para o emprego, un día para cantar a Galicia. 

.

Viva Vigo! Viva Galicia!

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: