A XUNTA APORTARÁ O 100 POR CENTO DO ORZAMENTO NECESARIO PARA O ACONDICIONEMENTO DO PASO INFERIOR EN RAÑADE-FORNELOS, NO CONCELLO DE SALVATERRA DO MIÑO
O conselleiro de Medio Ambiente e o alcalde de Salvaterra de Miño asinaron o convenio de colaboración polo que se executará esta actuación.
- A Axencia Galega de Infraestruturas licitará en canto sexa posible esta actuación, cuxo importe supera os 100.000 euros
- Trátase dunha obra urxente e necesaria e que consiste no adecentado do paso inferior, que presenta unha pendente non óptima do 20%, mellora da drenaxe, pavimentación, beirarrúas e sinalización
Santiago, 31 de xullo de 2012.- A Xunta de Galicia subvencionará a totalidade do orzamento necesario para o acondicionamento do paso inferior na estrada Salvaterra- Ponteareas (PO-403), á altura de Raña- Fornelos. Así se establece no convenio de colaboración asinado esta mañá entre o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o alcalde de Salvaterra do Miño, Arturo Grandal Vaqueiro, para o acondicionamento do paso inferior no punto quilométrico 6+450 da PO-403.
Hernández sinalou que se trata dunha obra urxente e necesaria e que consiste no adecentado do paso inferior, que presenta unha pendente non óptima, do 20%, así como mellorar a drenaxe, pavimentación, beirarrúas e sinalización. Neste senso, a Axencia Galega de Infraestruturas aportará unha contía superior aos 100.000 euros (109.425 euros), para licitar esta actuación en canto sexa posible.
O concello será o encargado de aprobar o documento técnico que recolla as obras previstas e remitir a aprobación do proxecto e a acta de replanteo previa. Ademais destas obrigas, a administración local tamén asumirá a explotación, mantemento e conservación das obras realizadas.
A axencia Galega de Infraestruturas ten entre os seus obxectivos a mellora da rede viaria de Galicia, de xeito que se proporcione aos usuarios unhas condicións de condución cómodas e seguras, mellorando os déficits na seguridade viaria e facilitando o acceso aos distintos equipamentos na procura e no fomento dun desenvolvemento harmónico.
Neste contexto, a Axencia Galega de Infraestruturas en colaboración co Concello de Salvaterra de Miño, trata de fomentar aqueles investimentos que resolvan problemas nas infraestruturas, coa finalidade dun desenvolvemento económico e social que aporte unha maior calidade de vida aos seus cidadáns.
Comisión de seguimento
No convenio asinado esta mañá tamén se establece a constitución dunha comisión de seguimento formada por un representante da Axencia Galega de Infraestruturas e un representante do Concello de Salvaterra de Miño.
As súas funcións entre outras serán as seguintes:
1.- Impulsar e avaliar o cumprimento do presente convenio naqueles aspectos técnicos obxecto deste, propoñendo as actuacións que se consideren precisas.
2.- Propoñer a interpretación, en caso de dúbida, do contido do presente convenio.
3.- Trasladar ás partes a resolución das posibles controversias que puideran xurdir na aplicación do convenio.
Esta comisión reunirase as veces que se estimen oportunas para o cumprimento do presente convenio.