NOVA RISGA INCENTIVAR​Á CUNHA MAIOR CONTÍA AOS BENEFICIAR​IOS QUE CUMPRAN CO ITINERARIO DE INSERCIÓN LABORAL

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, expuxo hoxe no Parlamento as principais liñas da Lei de Inclusión Social de Galicia
  • Mato destacou que a Lei articula unha nova RISGA que se converterá “nunha ferramenta real” de integración a través do emprego “eliminando o concepto de beneficencia”
  • Ata o de agora penalizábase aos perceptores da RISGA que compatibilizan o cobro desta axuda coa realización de traballos esporádicos ou accións formativas
  • A Lei actualiza o texto vixente que conta con máis de 20 anos e, polo tanto, se adapta ás necesidades da sociedade actual
  • Indicou que a Lei elevouse á mesa do Diálogo Social, onde foi consensuada con patronal e sindicatos
  • O orzamento destinado á inclusión social alcanzará os 99,8 millóns de euros entre 2012 e 2014
  • En definitiva, a Lei é “unha estratexia coordinada” entre os servizos sociais comunitarios municipais, os técnicos da Consellería e o Servizo Público de Emprego de Galicia

Santiago, 2 de agosto de 2012.- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, expuxo hoxe no Parlamento as principais liñas da Lei de Inclusión Social de Galicia. O documento, que foi consensuado no seo do Diálogo Social, pretende adaptarse ás necesidades actuais, xa que a vixente data de hai 20 anos. Tenta así evitar a cronificación da situación de exclusión social, xa que se articula unha nova RISGA “con vocación integradora”. 

Neste senso, a responsable de Benestar indicou que a nova Renda de Inclusión Social de Galicia será “flexible e modular” e permitirá incentivar aos beneficiarios que cumpran co itinerario de inserción laboral cunha contía maior na axuda, o que se chamará o complemento de inserción, ao tempo que se permitirá compatibilizar o cobro da RISGA coa realización de traballos esporádicos ou accións formativas. Nestes momentos penalízase estes casos reducíndose a percepción da axuda ou directamente se suspende o seu cobro. Para conseguir estes obxectivos, a nova RISGA estará dividida en tres tramos distintos: o persoal e familiar, o de inserción e o de transición ao emprego.

No primeiro tramo garántese unha contía mínima para a cobertura das necesidades básicas das persoas, que se relaciona co compromiso de manter un proxecto de integración social. Ademais, esta prestación será ampliable no caso da presenza de maiores ou de menores de idade na unidade familiar. Neste caso, o beneficiario, se os servizos sociais o consideran necesario para garantir o benestar e os dereitos sociais dos menores, terá que cumprir un proxecto de integración socioeducativa dos menores conviventes. “É a primeira vez que se inclúe o compromiso dunha intervención concreta cos menores”, sinalou a conselleira.

 O complemento de inserción

No tramo de inserción outorgarase o complemento de inserción ademais da axuda básica ou a correspondente ao tramo persoal e familiar “para constituír un verdadeiro estímulo de cara ao emprego”. Terá unha duración de 12 meses prorrogable por 6, ata un máximo de 18. Para percibir esta axuda é necesario que o beneficiario se comprometa ao cumprimento dun convenio de inclusión sociolaboral coas accións formativas que sexan necesarias. O último tramo, o de transición ao emprego, é novidoso. Non existía na renda anterior e  constitúese nun estímulo á incorporación laboral. É dicir, será unha contía que se seguirá a percibir durante os 6 primeiros meses desde a consecución dun emprego por parte do beneficiario. A contía irá diminuíndo gradualmente durante eses 6 meses ata extinguirse no caso de continuar traballando. Ademais das novidades da RISGA, Mato indicou que a Lei de Inclusión, ademais, permitirá gañar en eficiencia, posto que se reducirá o tempo de tramitación. Ademais, contémplase a tramitación de urxencia para casos especiais, como o das vítimas de violencia de xénero, nos que o prazo máximo será dun mes. Co novo texto, Galicia adiántase ás directrices europeas da Estratexia 2020 de loita contra a pobreza.

Axudas de Inclusión Social

Así mesmo, a conselleira fixo referencia á modificación das Axudas de Emerxencia Social (AES), que pasará a denominarse Axudas de Inclusión Social (AIS). A partires de agora, ademais de sufragar situacións de grave emerxencia, financiarán tamén actuacións de acompañamento ou reforzarán medidas de apoio dos diferentes tramos da RISGA.

A proxecto de Lei incorpora tamén unha referencia ás empresas de inserción e establece accións positivas cara a este colectivo desde as políticas activas de emprego que xestiona a Consellería de Traballo e Benestar. “Priorizamos, polo tanto, ao colectivo de persoas en risco de exclusión social na concesión de incentivos á contratación, formación ocupacional, programas mixtos de formación e emprego, e recoñecemento de competencias profesionais adquiridas por experiencia profesional ou vías non formais de formación”, engadiu.

Orzamento

Por último, a responsable de Benestar sinalou que a nova Lei nacerá cun orzamento de 99,8 millóns de euros, unha contía distribuída entre as anualidades 2012 a 2014. Con respecto a este ano, Mato afirmou que a Xunta investirá máis de 30 millóns de euros aos colectivos en risco de exclusión social (25,2 millóns para a RISGA; 3 millóns para as AES; e 2 millóns para comedores e albergues), un 14 por cento máis que en 2011.

En definitiva, Beatriz Mato concluíu afirmando que o novo texto é “unha estratexia coordinada entre os servizos sociais comunitarios municipais, os técnicos da Consellería e o Servizo Público de Emprego de Galicia” co obxectivo de que as axudas se convertan nunha “ferramenta real” de integración a través do emprego.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: