Santi Domínguez salienta que o PP debe recoñecer seu fracaso coa Área Metropolitana de Vigo
Vigo, 14 de agosto de 2012.-. O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, destacou este martes que a xuntanza celebrada onte polos alcaldes do PP “escenifica a foto do fracaso”, xa que nin eles mesmos sabían “para que estaban alí reunidos”. Por outra banda, avanzou que o BNG asistirá á asemblea constituínte para solicitar a suspensión e modificación da lei pero “non participará en ningún paripé” nin apoiará a ningún presidente que naza sen consenso.
“Estamos asistindo á defunción da Área Metropolitana de Vigo por cabezonería do Partido Popular”, subliñou Santi Domínguez, para quen a fotografía da reunión convocada pola alcaldesa de Mos “demostra que o PP quere impoñer unha maioría política que non tiveron na cidade de Vigo, igual que acontece coa redución de deputados e deputadas”.
O portavoz municipal nacionalista lembrou así as manifestacións do conselleiro de Presidencia, ao dicir que o goberno galego non cedería ao “chantaxe da minoría” á hora de reducir deputados. Ao respecto Domínguez comentou que o PP non respecta á democracia “polo menos o PP de Vigo”, xa que segundo lembrou, a maioría da corporación viguesa rexeita a actual lei de Área Metropolitana.
Para Santi Domínguez non ten sentido que agora o PP se queixe de falta de consenso. O tempo do consenso xa pasou, e agora se senten mal”, dixo en relación as declaracións dos populares. “Iso tiñan que telo previsto cando se debatía a lei no Parlamento e decidiron pasar o rodillo mentres o BNG levaba moitos meses facendo un chamamento ao consenso”, recriminou.
O nacionalista asegurou que “o que agora toca non é máis que modificar a lei” en base aos criterios que dende hai meses demanda o BNG. Neste sentido mencionou o baleirado de contido á Deputación; a asignación á Área Metropolitana de financiamento e competencias claras; a preponderancia de Vigo e a solidariedade de todos os concellos á hora de poñer en marcha os diferentes servizos.
A respecto da presidencia deste ente, Santi Domínguez asegurou que o BNG non vai a apoiar ningún presidente “que non saia do consenso”. Lembrou as continuas denuncias feitas polos nacionalistas sobre as “loitas de poder” entre o PP e Caballero, xa que segundo indicou, “moito antes de marcar as directrices sobre financiamento e competencias, o debate era quen debía presidir a Área”. Porén, sinalou que para os e as nacionalistas é o alcalde de Vigo quen debe presidir esta entidade “pero dende o consenso”.
No tocante á celebración da asemblea constituínte, asegurou a asistencia dos representantes do BNG “para solicitar a suspensión e modificación da lei, pero non participará en ningún paripé”. Segundo manifestou o nacionalista, o PP ten que darse conta de que “sen Vigo non hai Área Metropolitana”, e posto que a maioría da corporación viguesa rexeitou a actual lei.
Tendo en conta esta situación, para Santi Domínguez, “é o PP quen ten que reconsiderar a situación”. Ao seu xuízo é o PP o que “ten que asumir seu fracaso e dar un paso atrás se quere dar dous adiante” para acadar que estean todos os concellos involucrados.