Archive | agosto 21, 2012

GALICIA PRESIONARÁ PARA EVITAR QUE O ACORDO PESQUEIRO ENTRE A UE E MAURITANIA NON SE APROBE DEFINITIVA​MENTE

  • A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, recibiu a representantes  da frota cefalopodeira afectada para analizar a situación e buscar unha solución

Santiago, 20 de agosto de 2012.- A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, acompañada do secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, recibiu esta tarde a representantes da CIG-Mar para analizar a situación da frota cefalopodeira afectada polo preacordo asinado entre a comisaria europea de pesca, María Damanaki, e Mauritania e buscar unha solución.

A titular de Mar lembrou que a Xunta advertiu ao actual ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, “sobre as súas dúbidas sobre o acordo aprobado polo anterior executivo central” cando tomou relevo ao anterior Goberno socialista. Precisamente, Mauritania foi un dos primeiros destinos de Arias Cañete logo de tomar posesión como ministro, “para estudar a situación deste acordo e onde constatou que xa se atopaba na quinta rolda de negociacións e que contaba co visto bo” dese Goberno.    Quintana insistiu en que este acordo “é moi custoso e non beneficia á frota galega, nin ao resto das frotas europeas”. Neste sentido, comprometeuse a traballar para paralizalo ben no Consello de Ministros de Pesca da UE ou no Parlamento Europeo, onde deberá ser aprobado definitivamente.

A mandataria autonómica explicou que o ministro xa mantivo reunións ao respecto cos eurodeputados e asegurou que “seguirá falando co Ministerio para buscar unha solución transitoria”.  Esta podería pasar por unha convocatoria de axudas “para paliar a situación na que se atopan os mariñeiros”, dixo.  A conselleira tentará que esta convocatoria se axilice o máximo posible e transmitiu a súa preocupación porque, “a pesar de que case ningún dos barcos ten porto base en Galicia, a maioría dos mariñeiros afectados son galegos”.