UN TOTAL DE 1.000 PERSOAS PODERÁN OPTAR AO RECOÑECEMENTO DAS SÚAS COMPETENCIAS PROFESIONAIS NO SEGUNDO SEMESTRE DE 2012
- A Consellería de Traballo e Benestar publicou, na súa páxina web, as listaxes de persoas admitidas para a segunda fase de recoñecemento e acreditación das competencias profesionais
- Trátase da acreditación das competencias adquiridas a través da experiencia laboral ou aprendizaxes non formais de formación en atención sociosanitaria a persoas no domicilio e a persoas dependentes en institucións sociais
Santiago, 21 de agosto de 2012.- A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, publicou, na súa páxina web, as listaxes de persoas admitidas para a segunda fase de recoñecemento e acreditación das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou aprendizaxes non formais de formación en atención sociosanitaria a persoas no domicilio e a persoas dependentes en institucións sociais. Este ano convocáronse un total de 2.000 prazas nas unidades de competencia das cualificacións profesionais sinaladas. No primeiro semestre deste ano xa foron asesoradas e avaliadas un total de 1.000 persoas ( 500 en cada unha das cualificacións) e, a partir do mes de setembro, levarase a cabo o procedemento de acreditación do resto de persoas candidatas.
Onte, día 20 de agosto, publicáronse na páxina da Consellería de Traballo e Benestar, http://traballoebenestar.xunta.es, as listaxes definitivas de persoas admitidas nesta segunda fase, na que se indican as sedes, lugar e hora en que cada candidato iniciará a súa fase de asesoramento.
O candidato admitido para participar na fase de asesoramento deberá aboar unha taxa única de 20 euros. O aboamento da taxa poderase realizar de forma telemática ou a través do impreso de autoliquidación en calquera das entidades financeiras colaboradoras na recadación das taxas e prezos de Galicia.