A XUNTA LICITA HOXE OBRAS DE SANEAMENTO POR IMPORTE DE MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS NOS CONCELLOS DE PONTE CALDELAS, O ROSAL E SOUTOMAIOR

  •  Os tres proxectos executarase en colaboración co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que aportará o 50% do investimento necesario para a execución dos traballos
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación destes contratos de obra pública
  • As actuacións levaranse a cabo en zonas sen rede de recollida de augas fecais co obxectivo de conducilas á rede municipal existente, á fin de evitar vertidos ao medio natural
  • En total instalaranse case 8 quilómetros de novos colectores
  • A poboación beneficiada por estas tres obras hidráulicas supera os 30.000 habitantes

Santiago, 31 de agosto de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do organismo Augas de Galicia, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación de tres obras de saneamento nos concellos pontevedreses do Rosal, Ponte Caldelas e Soutomaior, que implican un investimento total de 1.178.372 euros. Estas obras execútanse no marco da colaboración co Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, quen asume o custo do 50% do investimento necesario.

Das obras teñen como obxectivo a mellora ambiental dos concellos nos que se levan a cabo, xa que se levan a cabo en zonas sen rede de recollida de augas fecais que deben ser conducidas á rede municipal existente, á fin de evitar vertidos ao medio natural.

Os máis de 30.000 habitantes destes tres concellos verán mellorado o seu sistema de abastecemento, que implicará a instalacións de 8.000 metros de rede de colectores.

Saneamento e depuradora na Reigosa

O departamento que dirixe Agustín Hernández publica a licitación das obras da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) na Reigosa, na localidade de pontevedresa de Ponte Caldelas, por un importe de máis de 801.000 euros.

A parroquia da Reigosa, no Concello de Ponte Caldelas, non dispón dun servizo de saneamento axeitado, recollendo as augas residuais en fosas sépticas individuais. O obxecto do contrato consiste en dotar á parroquia dun sistema de saneamento, mediante a construción da rede xeral de colectores e unha EDAR.

As obras consisten na execución dunha rede de colectores que terá unha lonxitude total de 5.800 metros, e recollerá as augas residuais fecais por gravidade. A rede constará ademais dos correspondentes pozos de rexistro, ata un total de 171.

O proxecto tamén contempla a instalación dunha depuradora que disporá dos seguintes equipos prefabricados: arqueta de chegada de auga con reixa de desbaste, decantador- dixestor primario, pozo de bombeo, leito bacteriano, humedais en paralelo e arqueta de inspección.

Estas infraestruturas mellorarán a calidade de vida dos veciños do núcleo da Reigosa, dotándoos dun servizo de saneamento axeitado. Eliminaranse as fosas sépticas que son importantes focos contaminantes, polo que se optimizará considerablemente a calidade ambiental da zona.

Melloras no Rosal

A segunda das obras licitadas esta mañá corresponde ao saneamento nos núcleos de Calvario- San Miguel, Martín, Tamuxe e Visodoseidos, no concello do Rosal, por un importe de máis de 180.000 euros.

Na actualidade, por mor do gran número de vivendas que existen nestes núcleos existen graves problemas sanitarios, posto que o saneamento se resolve en base a fosas sépticas individuais. Ante esta situación, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas considera necesario dotar a esta zona industrial dunha rede de recollida de augas fecais, para a súa posterior conexión á rede municipal existente.

As obras consisten na realización dunha rede de saneamento que conta cun caudal medio de 1,25 l/s, mediante conducións de PVC de 315 milímetros de diámetro. Segundo os núcleos a servir:

  • Saneamento Calvario- San Miguel: 300 m de colector en PVC de 315 mm de diámetro e 10 pozos de rexistro.
  • Saneamento Martín: 305 m de colector en PVC 315 mm de diámetro e 8 pozos de rexistro.
  • Saneamento Tamuxe: 460 m de colector en PVC 315 mm de diámetro e 15 pozos de rexistro.

Obras en Soutomaior

Augas de Galicia tamén licita as obras de saneamento no lugar de Moreira, en Soutomaior, por un importe de máis de 190.000 euros. Neste momento, a parroquia conta con gran parte da rede de saneamento executada, a cal está conectada á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Soutomaior. Tamén existen pequenos tramos de colector xa instalados, pero que non se encontran en servizo. As obras a realizar, para dotar de infraestruturas de saneamento ao núcleo de Moreira, consistirán na disposición dunha rede de colectores de recollida de augas residuais fecais mediante tubaxe de PVC de 315 mm de diámetro e 925 metros de lonxitude total, a cal se distribúe en catro tramos, todos eles discorrerán polo centro de camiños existentes

Ademais, colocarase un tramo de impulsión, co fin de completar a rede de colectores salvando os desniveis do terreo, mediante tubaxe polietileno 90 mm de diámetro e 147,1 m de lonxitude total.

Para salvar unha obra de drenaxe lonxitudinal neste tramo disporase a tubaxe grapada á mesma e se colocará un desaugue e construirase un pozo de bombeo de formigón armado, coa súa correspondente cámara de chaves, aliviadoiro, dúas bombas e cestón de grosos, polo que se impulsarán as augas dos tramos 2, 3 e 4 para a súa posterior conexión coa rede existente, é dicir, ao o tramo 1 que discorre en gravidade conectándose posteriormente coa rede existente sen necesidade de ser impulsado no pozo de bombeo.

Os colectores en gravidade constan dos correspondentes pozos de rexistro. A reposición de firmes realizarase en función do xa existente, ben en aglomerado asfáltico ou en formigón.

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: