Noticias protestas en Vigo, Naval,Telefónica,orzamentos.

  Os empregados/as públicos protagonizan unha nova xornada de protestas contra as políticas antisociais do PP

Rexeitan a conxelación salarial anunciada onte polo Goberno español e alertan do deterioro edesmantelamento dos servizos públicos

VIGO/27-09-12

Os empregados/as públicos/as galegos/as protagonizaron hoxe unha nova xornada de mobilizacións para rexeitar os ataques do Goberno español do PP aos servizos públicos e denunciar o deterioro das súas condicións de traballo. As concentracións en edificios administrativos, xulgados e hospitais de todo o país celebráronse un día despois de que o Executivo de Rajoy anunciase a conxelación salarial para os empregados/as públicos/as.

Con estas protestas, que están a ter continuidade todos os xoves, os empregados/as públicos amosan tamén a súa oposición ao contido do capítulo dedicado a persoal dos Orzamentos Xerais do Estado para 2013 do que tiveron coñecemento onte na Mesa Xeral de Administracións Públicas. Este apartado dos Presupostos aborda as retribucións e condicións laborais do persoal ao servizo das administracións públicas e conta co rexeitamento das organización sindicais porque reincide na conxelación salarial e no mantemento da taxa de reposición do 0%, o que afonda no deterioro e desmantelamento dos servizos públicos.

Segundo os datos presentados, o persoal das administracións recuperarán a paga extraordinaria de nadal para o vindeiro 2013, mais o Goberno do PP mantén a conxelación salarial sen dar posibilidade á actualización da perda do poder adquisitivo acumulada dende 2009. Neste senso, a Área Pública da CIG lembra que tan só neste ano, os empregados/as públicos/as perderon case o 10% da súa capacidade adquisitiva (por mor da supresión da paga extraordinaria de Nadal, que supón unha baixada do 7%, unida á suba do IPC, situado a remate de agosto no 2,7%). Así mesmo, mantense a prohibición de facer achegas a fondos ou plans de pensión ou previsión.

Respecto da taxa de reposición, mantense nun 0% para todo o sector público, agás en determinados sectores básicos, como Educación e Sanidade, onde será de até un 10%, ao igual que para os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Forzas Armadas e corpos de loita contra a fraude fiscal. Non obstante, segundo se informou na Mesa, non se producirán contratacións de persoal eventual ou interinos/as, excepto naqueles casos inaprazábeis en sectores prioritarios ou que afecten a servizos públicos esenciais, mais coa autorización previa correspondente.

Dende a Área Pública reiteraron a advertencia das graves consecuencias que esta decisión está tendo para os servizos públicos e para o seu mantemento, provocando o colapso da administración e dos servizos públicos, que xa están comenzando a verse incapaces de atender ás demandas dos cidadáns e cidadás por falta de persoal.

A CIG advirte que tras desta medida agóchase a decisión do PP de ir “adelgazando a administración”, que non é outra cousa que “abocar ao peche a certos servizos públicos porque non será posíbel atendelos e favorecer a privatizacións dos que sexan máis rendíbeis”.

Centos e centos de delegados/as da CIG rexeitan nas rúas de Galiza uns Orzamentos Xerais do Estado que afondan no recorte de dereitos

Suso Seixo criticou a “pouca credibilidade” das contas e denunciou o incremento do gasto para afrontar o pago de 38.000 millóns da débeda

 

Centos e centos de delegados/as da CIG participaron hoxe nas concentracións convocadas en todas as comarcas para rexeitar a aprobación do Anteproxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2013. A central nacionalista denuncia que o Goberno español do PP utiliza a escusa da austeridade e o control do déficit para reducir o investimento público ao tempo que aumenta o gasto para pagar os xuros da débeda.

VIGO/28-09-2012

As protestas celebráronse un día despois da aprobación dos Presupostos do Estado para 2013, unhas contas públicas que afondan no recorte de dereitos, servizos e prestacións sociais e no deterioro das condicións laborais e de vida da maioría social. Nesta liña se manifestou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, durante a súa intervención no acto celebrado en Santiago. O máximo responsábel da central nacionalista salientou aspectos especialmente negativos do documento, como a conxelación salarial ou a taxa de reposición do 0% para os empregados/as públicos. “Pola contra, o Goberno español do PP decidiu incrementar o gasto para pagar 38.000 millóns de xuros da débeda pública, confirmando que se está a premiar a especulación da banca coa débeda”, indicou.

Ademais, Seixo advertiu que o Executivo de Rajoy ten previsto acompañar estes restritivos orzamentos cun Plan de Reformas que implicará, entre outras medidas, a “liberalización” de sectores públicos e a privatización de empresas. “Van introducir novas reformas no mercado laboral, no sector público e nas pensións, o que se traducirá en máis privatizacións e maior precarización das condicións de traballo, ademais de dificultar o acceso á xubilación parcial e anticipada”.

O secretario xeral da CIG censurou tamén a pouca credibilidade duns Orzamentos que “antes de que entren en vigor ou antes de que remate o ano serán modificados”. Ao mesmo tempo, salientou o feito de que sexan presentados xusto antes de tres procesos electorais, “o que demostra a súa clara intencionalidade política”. Para Seixo resulta moi pouco fiábel fixar o déficit para 2013 nun 4,5%, de igual xeito que “prever un incremento dos ingresos pola subida do IVE cando están a caer os salarios e o desemprego segue a aumentar”.

Finalmente, lembrou que a CIG está a desenvolver unha campaña co obxectivo de denunciar diante do pobo galego as “nefastas consecuencias” que tivo para Galiza o Goberno de Núñez Feijoó que inclúe manifestacións en todo o  país o vindeiro xoves día 4 de outubro.

Ao remate das distintas concentracións deuse lectura ao seguinte comunicado da Secretaría da Muller da CIG para conmemorar o Día de Acción Global por un Aborto, Legal, Seguro e Gratuíto:

. O recente anuncio por parte do goberno do Partido Popular de reformar a actual Lei orgánica 2/2010 de Saúde Sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, supón un claro retroceso no recoñecemento dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, un recorte sen precedentes na liberdade e autodeterminación en relación á nosa sexualidade e sobre a libre decisión da nosa maternidade.

2º. A responsabilidade do goberno é a de garantir os dereitos á cidadanía, tanto os civís, como os culturais, os sexuais e os reprodutivos, non de restrinxilos.

3º. A reforma proposta polo ministro Gallardón contradí o Tratado Internacional dos Dereitos Humanos, cuestión que foi advertida xa o pasado maio polo Comité sobre os Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da ONU, instando ao goberno a garantir o aborto libre e de balde.

4º. A nova normativa suporá o desamparo de moitas mulleres que pertencen a colectivos desfavorecidos, como é o caso das mulleres inmigrantes (xa de por si vulnerábeis logo da retirada da asistencia sanitaria), pero tamén para todas aquelas que carezan de recursos e non lles quede outra opción que recorrer á clandestinidade, co risco para a súa saúde que isto conleva.

5º. No caso de aprobarse a reforma, só poderán interromper o embarazo aquelas mulleres que demostren ter sufrido unha violación ou que fique en perigo a súa saúde física ou psicolóxica, por tanto, dependerán da arbitrariedade do persoal facultativo e das propias xuízas ou xuíces.

Mais somos conscientes de que mesmo antes de que o Partido Popular anunciase en Madrid esta “contrarreforma” da lexislación en materia de interrupción voluntaria do embarazo, en Galiza, desde as Consellarías de Sanidade e Benestar, o Partido Popular ven acometendo reformas e poñendo en marcha iniciativas diversas dirixidas a impedir a libre elección das mulleres sobre os nosos corpos, e sobre a nosa maternidade. Porque non podemos esquecernos de que o presidente da Xunta de Galiza  puxo en marcha dúas normas: a Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada, e a Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galiza, creadas ao abeiro da aprobación dunha Iniciativa Lexislativa Popular presentada pola Red Madre e a Plataforma do Foro Español de la Familia.

Desde entón, en Galiza o labor de información e asesoramento ás mulleres recae en entidades privadas de carácter ultra-conservador e relixioso, costeando con fondos públicos a súa propaganda antiabortista, a pesares do rexeitamento de todos os grupos políticos da cámara galega, das organizacións feministas, e mesmo cun informe do Consello Económico e Social na súa contra, mesmo cualificando a norma de retrógrada e ultra-conservadora.

Por todas estas razóns, desde a Secretaría Confederal da Muller, consideramos que non podemos permitir outro ataque máis do Partido Popular, quen segue a facer concesións á ultradereita e á xerarquía da igrexa, na contra dos dereitos sociais, sexuais e reprodutivos das mulleres.

AS MULLERES TEMOS DEREITO A DECIDIR SOBRE A NOSA SEXUALIDADE, SOBRE OS NOSOS CORPOS, E SOBRE A NOSA MATERNIDADE. POR ISO, HOXE 28 DE SETEMBRO DEMANDAMOS ABORTO LIBRE E GRATUÍTO!

Naval

A CIG esíxelle a Feijóo que faga públicos, se é que realmente existen, os contratos do naval con Pemex

Telefónica

Traballadores de Telefónica reclaman o mantemento do emprego diante da empresa coincidindo coa visita do presidente da compañía

 

 

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: