Protesta Conxemar

  Mariñeiros/as galegos/as do caladoiro mauritano protestan na inauguración de Conxemar para denunciar a redución das axudas

O borrador remitido polo Goberno español establece que as contías a percibir por cada traballador/a pasa dos 45 aos 37,45 euros diarios

Arredor de 200 mariñeiros/as e armadores/as da flota cefalopodeira galega que faenaba en augas de Mauritania concentráronse hoxe ás portas do Ifevi, en Vigo, coincidindo coa inauguración da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados (Conxemar), para protestar pola redución das axudas. Dende a CIG denuncian que dous meses despois de que un acordo entre a UE e o país magrebí deixase fóra ás embarcacións galegas, os afectados/as continúan sen recibir as indemnizacións pactadas.

VIGO/02-10-2012

A intención dos mariñeiros/as era lograr que a conselleira e o secretario xeral de Pesca accedesen a manter unha xuntanza con eles/as para abordar a problemática das axudas. Pero un forte despregue policial (con helicóptero incluído) e a saída pola porta de atrás dos responsábeis políticos frustrou as súas expectativas. Con todo, permaneceron máis de dúas horas ás portas do recinto feiral vigués, onde despregaron tres faixas e non pararon de berrar consignas e facer ruído.

 

Os afectados/as reclaman que se negocie un novo acordo que lles permita faenar, ao tempo que critican a lentitude coa que se está a levar a tramitación das axudas e o engano que supón que agora o Goberno español fixe as contías en 37,45 euros diarios para cada traballador/a en lugar dos 45 pactados.

 

O responsábel de CIG-Mar, Xavier Aboi, lembrou que, pola contra, aos mariñeiros/as andaluces que hai un mes abandonaron o caladoiro de Marrocos correspóndenlles 55 euros. “Isto é un escándalo e un roubo que non imos tolerar”, asegurou o representante sindical. Neste senso, anunciou que as protestas continuarán nos vindeiros días e adiantou que “todos os mitins do Partido Popular no Morrazo recibirán a nosa visita até que paguen o acordado”.

 

Ao mesmo tempo, criticou que o borrador remitido polo Ministerio de Agricultura tras o peche protagonizado polos afectados/as na Deputación de Pontevedra deixe fóra das axudas os empregados/as de tres barcos de Marín que van ir ao despece. “Podían pagarlles até que as embarcación sexan desmanteladas, pero tampouco”.

 

Desmantelamento dun sector produtivo básico

 

Dende a CIG explicaron que o pasado 31 de xullo os 24 barcos conxeladores arrastreiros que faenaban en augas mauritanas -20 deles galegos, con tripulacións maioritariamente do Morrazo e Vigo- tiveron que abandonar o caladoiro do país magrebí despois de que rematase o anterior acordo entre a Unión Europea e Mauritania. Como consecuencia, numerosas familias quedan sen o seu principal modo de vida, situación que xa se deu con anterioridade coa expulsión dos barcos galegos de augas saharianas.

 

Nos últimos anos, segundo denunciaron, a flota galega que faenaba en augas saharianas foise reducindo até a situación actual, pasando de 250 barcos aos 24 que quedaban a 31 de xullo. Tal e como lembrou Aboi, a nosa pesca foi a que perdeu máis peso dende a entrada na Unión Europea no ano 1986, “porque nunca foi defendida politicamente en beneficio doutros intereses económicos”.

Aboi asegurou que non existen razóns para que a UE ratificase un acordo que deixa fóra a flota cefalopodeira: “nin de tipo biolóxico, que son as que se adoitan aducir”. Neste senso, incidiu en que cada vez que a flota galega é obrigada a abandonar un caladoiro este é ocupado por flotas de terceiros países, “como nesta ocasión ocorre cos chineses, que veñen de firmar un acordo por 25 anos para faenar no caladoiro mauritano”.

Diante disto, reclamou a non ratificación do actual acordo pesqueiro co país magrebí; a apertura dunha liña de axudas á flota, que na actualidade non conta con ningún tipo de medida paliativa pola paralización da actividade; o inicio de negociacións para lograr o retorno da flota cefalopodeira a Mauritania; e a ampliación de acordos pesqueiros con terceiros países (Marrocos, Senegal…) onde non exista, como no caso sahariano, o veto á flota cefalopodeira.

 

Acerca de Vgomagazine

Revista Online.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: