A CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE ELIMINA UN VERTIDO DE AUGAS RESIDUAIS CARA O RÍO LAGARES, TRAS AS INSTALACIÓNS DAS PISTAS DE ATLETISMO DE BALAIDOS
Este problema descubriuse o pasado día 27 de setembro, despois de que os técnicos do Plan de Control de Vertidos (PCV) de Augas de Galicia recibiran un aviso, a través do Servizo de Emerxencias 112
- Actualmente, a empresa concesionaria traballa na identificación da orixe da contaminación asociada a outro punto de vertido detectado, que cesou tamén no mesmo día, identificado como unha saída da rede de pluviais
Santiago, 6 de outubro de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas eliminou un vertido de augas residuais cara o río Lagares, que se atopaba tras as instalacións das pistas de atletismo de Balaidos e que era visible dende o paseo fluvial. Este problema descubriuse o pasado día 27 de setembro, despois de que os técnicos do Plan de Control de Vertidos (PCV) de Augas de Galicia recibiran un aviso a través do Servizo de Emerxencias 112.
A partir deste aviso, o persoal do PCV desprazouse á zona, identificando como orixe da alerta dous puntos de vertido sitos tras as instalacións das pistas de atletismo de Balaidos. Tras a detección, o persoal do Plan de Control de Vertidos comunicoulle á empresa concesionaria do servizo de saneamento municipal do Concello de Vigo, Aqualia, a existencia e localización do mesmo.
Arranxos feitos
Os operarios da empresa realizaron a comprobación do tanque de tormentas e do colector de saneamento que discorre pola zona denunciada, na marxe do río Lagares, sendo a entrada en carga deste último a orixe do vertido nun dos puntos detectados, o que vertía un caudal maior. O vertido quedou solucionado no mesmo día, en apenas dúas horas, logo das tarefas de desatascamento do colector. Actualmente, a empresa concesionaria traballa na identificación da orixe da contaminación asociada a outro punto de vertido detectado, que cesou tamén no mesmo día, identificado como unha saída da rede de pluviais, co obxecto de levar a cabo as actuacións precisas para evitar que se repita.