BRAVO BOSCH LOUBA O TRABALLO QUE AS HERMANITAS DOS ANCIANOS DESAMPARADOS REALIZAN NA RESIDENCIA SANTA MARTA DE ALCABRE
- A delegada territorial da Xunta en Vigo mantivo esta mañá un encontro coas responsables da congregación, que presta servizos sociais a anciáns desvalidos.
Vigo, 09 de outubro de 2012.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, mantivo esta mañá un encontro coa directora da Residencia Santa Marta, Sor Teresa, xestionada polas Hermanitas dos Ancianos Desamparados.
Nun encontro nas instalacións que teñen na zona de Alcabre, Bravo Bosch loubou o traballo que esta congregación desenvolve ao servizo da sociedade ademais de facer extensible o recoñecemento a todos os profesionais e voluntarios que colaboran día a día co seu traballo. A delegada aproveitou para coñecer o centro, que conta con 12.000 metros cadrados totais e amplas zonas verdes nunha parcela pechada con acceso controlado. O centro presta servizos médicos e de enfermaría, de fisioterapia, terapia ocupacional, traballo social, podoloxía, perruquería e estética; e organiza actividades culturais, audiovisuais, sociais, e lúdicas en xeral. Ten 55 habitacións individuais e 47 habitacións dobres, todas dotadas de baño xeriátrico con chan antideslizante, mobiliario adaptado e sistemas de chamada de emerxencia.
A labor das Hermanitas
A labor das Hermanitas iniciouse en Vigo o 16 de xuño de 1883. A congregación foi fundada polo Siervo de Dios, D. Saturnino López Novoa en colaboración con Santa Teresa de Jesús Jornet e Ibars. Na actualidade conta con 210 casas, onde son acollidos uns 26.000 anciáns (15.300 en España e 10.000 noutros países), en 17 nacións (España, Portugal, Alemania, Italia, México, Cuba, Puerto Rico, República Dominicana, Colombia, Venezuela, Ecuador, Perú, Bolivia, Argentina, Chile, Brasil, Mozambique), e 3 continentes (Europa, América e África.