AXENDA // FESTIVAL SINSAL X // MAÑÁ SINSAL VOLVE Á CORUÑA DA MAN DE NORMAL
SINSAL É NORMAL
Sinsal presenta un mes de actividades na NORMAL, espazo de intervención cultural
Mañá, ás 20.00h, no espazo de intervención artística NORMAL da Coruña, comeza SINSAL é NORMAL coa inauguración da exposición O disco é NORMAL, dando saída a un mes de actividades ininterrompidas.
Entradas anticipadas dos concerto de The Ex e Michel Cloup (duo) á venda en Portobello. Todo o resto de actividades son gratuítas, aforo limitado.
CONCEPTO
Un novo concepto de Festival, de intervención, de colaboración, de participación. Un festival á carta, aberto á colectividade, en progresión e itinerante. Unha proposta pensada para a rede social e que debe empezar, ou rematar, nela. Porque SINSAL É NORMAL é un espazo de relación e comunicación.
OBXECTIVOS
SINSAL É NORMAL é un festival cuxo obxectivo principal é romper a liña do tempo. Pensado desde o presente para revivir o pasado e proxectar o futuro. Intervimos coas novas tecnoloxías na recuperación, valor e exhibición do pasado, actualizando as emocións dun tempo remoto como novo incentivo na sociedade dixital de noso era. Trátase de expor as sensibilidades doutra época partindo dun discurso contemporáneo da arte e, ademais, xerando documentación por e para a cidadanía, de hoxe e de mañá.
Buscar, experimentar, crear, documentar, conservar, son algunhas das accións vivas que estarán presentes en cada unha das seccións abertas de SINSAL É NORMAL. Un conxunto de propostas onde a música adquire outro protagonismo máis aló da sala de concertos efémera. Porque SINSAL É NORMAL nace coa necesidade de innovar fronte a un modelo esgotado de exhibición que fixo da representación un evento pasivo.
Se a cultura é unha necesidade, non o é menos xerar espazos de encontro. Entendemos, que nos tempos actuais a oferta cultural debe favorecer e potenciar este tipo de plataformas abertas á socialización. É unha prioridade romper as barreiras conceptuais e xestionar diferentes posibilidades que impliquen a públicos alleos á cultura especializada.