MÁIS DE 1.300 DESEMPREGADOS BENEFICIARANSE DOS 43 OBRADOIROS DE EMPREGO QUE SE PORÁN EN FUNCIONAMENTO ESTE TRIMESTRE

  • A Consellería de Traballo e Benestar destina máis de 10 millóns de euros a estes programas mixtos de formación e emprego
  • O fin último destes programas é acadar a inserción no mercado laboral da maioría dos seus participantes procedentes de máis de 75 concellos de Galicia e seis mancomunidades
  • A iniciativa, que se desenvolverá durante un período de 6 meses, beneficiará a máis de 1.300 persoas 

Santiago, 23 de outubro de 2012.- A Consellería de Traballo e Benestar beneficiará ata o 30 de decembro a máis de 1.300 persoas a través dos obradoiros de emprego, dentro dos seus programas mixtos de formación e emprego (máis de 1.100 alumnos e alumnas dos obradoiros de emprego e outros 200 que ocuparán os postos directivos de xestión e docencia). Na convocatoria deste ano, o departamento autonómico destinará 8 millóns de euros en 2012 e máis de 2 millóns en 2013 a un total de 43 proxectos que teñen como obxectivo último acadar a inserción no mercado laboral da maioría destas persoas.

O Goberno galego espera que preto dun 70 por cento dos participantes cheguen á meta final deste programa, a inserción real no mercado laboral. Esta previsión faise tendo en conta os resultados de ocupación laboral que recolle o Servizo Público de Emprego Estatal para estas accións concretas.

Estes programas mixtos de formación e emprego teñen unha dimensión triplo. Por unha banda, busca mellorar a empregabilidade dos traballadores ao ofrecerlles unha formación para o emprego en alternancia co desempeño dunha actividade real e produtiva de calidade, da man dos expertos que as imparten; por outro lado, ten unha notable utilidade social, xa que acada a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas no ámbito local, que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade; e, por último, estes programas permiten a colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais que promoven estas accións.

Os obradoiros de emprego destínanse aos colectivos de  desempregados e desempregadas que teñen especiais dificultades de inserción no mercado laboral. Na selección dos alumnos participantes valorarase, de xeito preferente, as persoas desempregadas que teñan esgotadas as prestacións por desemprego, dada a complicada situación do mercado laboral.

Para poder participar nestes proxectos as persoas interesadas deben estar en situación de desemprego e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, ter 25 ou máis anos de idade. Finalmente deben cumprir tamén os requisitos establecidos para poder formalizar un contrato para a formación.

As persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os 6 meses que durarán estes proxectos.

A comisión de valoración deste ano aprobou un total de 43 proxectos. Nesta convocatoria as entidades promotoras debían contar no seu ámbito territorial cun mínimo de 500 persoas desempregadas. Requisito que non era de aplicación cando se asociaban, cando menos, tres concellos limítrofes para o desenvolvemento dun obradoiro de emprego, tratando de fomentar deste xeito a agrupación de concellos para que resultaran beneficiados un maior número deles. Os concellos favorecidos polo desenvolvemento deste programa son, en total, 75, ademais de seis mancomunidades.

Na valoración dos proxectos tivéronse en conta ata un total de 13 criterios: número de persoas desempregadas; ámbito xeográfico de actuación; perspectivas de emprego do colectivo participante; adaptabilidade do proxecto para a participación dos sectores sinalados como preferentes polo Servizo Público de Emprego de Galicia; carácter innovador do plan; a dedicación á implantación de servizos personalizados de carácter cotián; a calidade do proxecto e do plan formativo cara á obtención do certificado de profesionalidade; o ámbito de actuación superior ao municipal e as achegas da entidade promotora; a participación dos axentes económicos e sociais e o número de proxectos similares promovidos con anterioridade pola entidade solicitante, así como os seus resultados cualitativos e cuantitativos.

Contidos formativos

Todos os alumnos traballadores participantes, ademais da formación profesional para o emprego adecuada as esixencias dos certificados de profesionalidade durante toda a duración do proxecto, reciben orientación e asesoramento profesional, empresarial e laboral, as competencias clave cara á obtención, se é o caso, dos correspondentes certificados de profesionalidade, educación compensatoria: para os que non alcanzaran os obxectivos da ESO e módulos de seguridade e saúde no traballo, alfabetización informática, sensibilización medio ambiental e en igualdade de xénero.

As actividades que se realizan nos obradoiros teñen que ver coa recuperación ou promoción do patrimonio histórico, artístico, cultural ou natural. Tendo en conta as peculiaridades da situación demográfica galega e o envellecemento poboacional, especialidades como axuda a domicilio ou atención ás persoas dependentes son tamén moi demandadas

 

About Vgomagazine

Revista Online.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: